Friday 22 de November de 2024

Galicia pon a disposición do sector marisqueiro unha guía que facilita o seu labor na redacción e deseño dos plans de xestión


A Consellería do Mar presentoulle ás entidades do sector unha ferramenta á que poderán acceder nos vindeiros días e que pretende axudalas na confección dos plans de xestión con vixencia de tres anos
A Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Consellería do Mar presentou esta semana ás confrarías de pescadores e ás entidades do sector marisqueiro unha guía que pretende facilitar o seu labor na redacción e avaliación dos plans de xestión do marisqueo. Estes plans de xestión son a chave para o desenvolvemento da actividade marisqueira e -desde este ano no caso dos recursos xerais e desde o próximo no dos específicos- deben ter unha vixencia de tres anos de acordo co establecido no Decreto polo que se regula o réxime de conservación e explotación dos recursos marisqueiros e das algas.

Esta especie de titorial para o sector, que estará dispoñible na páxina web da Consellería do Mar a partir da próxima semana, pretende ser unha ferramenta de axuda para os encargados de redactar os plans de xestión de marisqueo -tanto xerais como de recursos específicos- das entidades que explotan os bancos marisqueiros en Galicia así como un documento de consulta para o persoal técnico da Xunta encargado da súa avaliación.

Co obxectivo de que os redactores dos plans coñezan a fondo esta ferramenta, o Executivo galego tamén vai realizar nas vindeiras semanas distintas xornadas de formación a través das asistencias técnicas das confrarías de pescadores nas que os interesados poderán aclarar as dúbidas e afondar nos distintos requisitos que deben cumprir os plans de xestión.

Precisamente, a elaboración desta guía responde aos cambios introducidos polo Decreto polo que se regula o réxime de conservación e explotación dos recursos marisqueiros e das algas no que se refire á confección dos plans de xestión así como ao establecemento de obxectivos -tanto biolóxicos como ecolóxicos e socioeconómicos- a tres anos. Este período de tres anos considérase axeitado para observar a evolución e os posibles cambios de tendencia na actividade, algo que xa reflicten os primeiros plans de xestión trianual de marisqueo de recursos xerais vixentes na actualidade (2021-2023) e que deben incluír tamén os primeiros de recursos específicos do período 2022-2024.

A guía destaca a definición dos obxectivos dos plans de xestión como un dos puntos máis importantes do seu deseño, pois son os que van permitir solucionar os problemas existentes no desenvolvemento da actividade ou acadar as melloras de maior interese para o conxunto de participantes no plan. Entre eles poden estar algúns como aumentar ou manter a calidade das capturas, mellorar as rendas dos participantes dos plans, mellorar a súa eficiencia ou controlar a presenza de lixo mariño, entre outros. De feito, recomenda centrarse nuns poucos obxectivos realizables e asumibles, que poidan obterse coas estratexias de xestión propostas, evitando así dispersar os esforzos.

Estratexias
O documento tamén recolle as posibles accións a poñer en marcha para acadar eses obxectivos -como son os calendarios de extracción, a rotación de zonas, as vedas, os talles mínimos, os controis, a formación e información dos profesionais, os labores de conservación e rexeneración dos bancos ou as accións de divulgación e/ou turismo, entre outras- e aconsella seleccionalas ben para evitar contradicións e favorecer o correcto desenvolvemento do plan.

Este titorial posto a disposición do sector marisqueiro pretende facilitar o seu labor de cara á redacción dos plans de xestión de recursos específicos trianuais que deben presentar este ano á Consellería do Mar de cara á súa aprobación para poder aplicalos desde o próximo ano ata 2024. Esta formación servirá tamén para o deseño dos posteriores plans de recursos xerais así como para aqueles que sexan de nova creación.