A alcaldesa anunciou a instalación dun parque saudable na praza Casares Quiroga durante a súa visita ás prazas recentemente reformadas Pintor Manuel Colmeiro e Isaac Díaz Pardo
A alcaldesa, Inés Rey, anunciou esta mañá a instalación dun parque biosaudable na praza Casares Quiroga durante a súa visita ás prazas Pintor Manuel Colmeiro e Isaac Díaz Pardo recentemente reformadas e que, segundo a rexedora, responden a un compromiso deste Goberno de poñer a punto todos os barrios da cidade e que conten cos equipamentos precisos para unha boa calidade de vida. Deste xeito, mellorouse a accesibilidade da zona tras a renovación de toda a contorna da avenida Pablo Picasso. Rey percorreu Elviña xunto á concelleira de Barrios, Diana Cabanas, o edil de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, e as veciñas e veciños, que lles achegaron as principais demandas para o barrio.
En concreto, xunto ás devanditas prazas tamén se actuou nas rúas Casares Quiroga e María Casares e mais se ampliou a área infantil da rúa Rafael Alberti. Rey afirmou que a mellora en Elviña foi significativa xa que “o barrio tiña os pavimentos moi deteriorados polo paso do tempo, o que lles impedía a total mobilidade a moitas e moitos veciños”. En concreto, na praza Isaac Díaz Pardo reformáronse as escaleiras que conectan coa avenida Salgado Torres facéndoas accesibles para
toda a veciñanza. Deste xeito, co firme seguro, garántese a vida social dunha zona en que se renovaron as beirarrúas, así como se reordenaron as zonas destinadas a aparcadoiros e as prazas para persoas de mobilidade reducida. Ademais, modificouse a pendente da calzada e mellorouse a rede de pluviais e a iluminación co fin de optimizar todos os servizos. Así mesmo, se instalaron novas sinais e
elementos de vexetación.
Ás obras de Manuel Colmeiro, valoradas en 198.270 euros, sumánselles os máis de 186.920 euros do aparcadoiro da praza Isaac Díaz Pardo e a escaleira e os 50.430 euros do parque infantil das Paxariñas. Ademais, reformáronse as fachadas da escola infantil municipal Arela, por un importe de 120.500 euros, o que fai un total de máis de 556.120 euros investidos no barrio, que se completarán cos preto de 15.000 euros que custará o parque biosaudable.