· Os responsables da empresa local WP Nordés, encargada de xestionar o proxecto, reuníronse cos representantes de Correos.
· Lara Pasantes explicou que “queremos abaratar os custes dos envíos aos establecementos para que as vendas que fagan a través da plataforma lles sexan máis rendibles”.
O Concello de Camariñas está a estudar un convenio de colaboración con Correos polo que ofrecer tarifas especiais e outros beneficios nos envíos ás tendas adheridas a ‘MerCamariñas’, a central de venta en liña que nace co obxectivo de adaptar aos vendedores e vendedoras ao comercio electrónico para que poidan vender os seus produtos a través de Internet.
Os responsables da empresa local WP Nordés, encargada de xestionar o proxecto, reuníronse co xefe de sector de Correos, José Manuel Costa, e o director da oficina de Correos en Camariñas, Fernando Mohedano.
Desde a empresa de envío explicaron que están a preparar unha oferta cunhas tarifas especiais das que todos os comercios integrantes de MerCamariñas se podan beneficiar. Ademais, estanse a estudar outros beneficios para todos os comercios adheridos á central de ventas en caso de que sexa finalmente Correos a empresa que se encargue do servizo de envíos da plataforma.
A concelleira de Comercio, Lara Pasantes, explicou que “o obxectivo destes contactos que estamos a manter con empresas de transporte é o de abaratar os custes dos envíos aos establecementos para que as vendas que fagan a través da plataforma lles sexan máis rendibles”.