Saturday 16 de November de 2024

A Xunta recorda que o cumprimento das medidas sanitarias permitirá aos galegos seguir avanzando na desescalada e na mobilidade


O vicepresidente primeiro comprobou en Casa Román (Pontevedra) a aplicación das normas necesarias para a ampliación dos horarios na restauración

O vicepresidente primeiro da Xunta comprobou hoxe en Casa Román (Pontevedra) a aplicación das normas necesarias para a ampliación dos horarios na restauración, e recordou que o cumprimento das medidas sanitarias permitirá aos galegos seguir avanzando na desescalada e na mobilidade.

Alfonso Rueda agradeceu aos galegos o respecto ás normas sanitarias que permitiron, tendo en conta as indicacións do comité clínico, a ampliación do horario de apertura dos restaurantes ata a once da noite e a recuperación dos servizos de ceas, unha relaxación prudente das restricións que podería seguir avanzando na mesma liña nas vindeiras semanas se se logra conter a transmisión de contaxios da covid-19.

Para avanzar no bo camiño é preciso que os responsables dos establecementos e os seus clientes cumpran unha serie de medidas encamiñadas a garantir a seguridade e a confianza dos usuarios dos restaurantes. Para iso é necesario levar un rexistro cos datos dos clientes, que deberán reservar con cita previa, á fin de poder localizados no caso de que se rexistre algún positivo.

Tamén se fai necesario que os establecementos de restauración conten cun sistema de medición do CO2 que garanta que a ventilación do local é a axeitada, aínda que o prazo para dispor dos dispositivos esténdese ata o 23 de abril.

Alfonso Rueda animou aos galegos a facer uso da hostalería con sentidiño para seguir avanzando na progresiva apertura dos seus servizos e botar así unha man a un dos sectores máis afectados pola pandemia. Con ese obxectivo activouse tamén a tarxeta turística, cunha acepción sen precedentes, xa que en tan só un día recibíronse máis de 25.000 solicitudes, o que demostra que os galegos queren desfrutar dos atractivos de Galicia, un dos destinos máis seguros grazas as medidas adoptadas ao longo da pandemia.