O 22 de marzo publicouse unha nova convocatoria de axudas na Área de Rehabilitación dos Camiños de Santiago, que se poden pedir ata o 30 de setembro
A nova convocatoria das axudas de fomento e rexeneración urbana na Área de Rehabilitación Integral (ARI) dos Camiños de Santiago permitirá a propietarios particulares e comunidades de veciños acceder a subvencións de ata 25.000 euros por vivenda para financiar diferentes tipos de actuacións de rehabilitación de carácter residencial.
O director do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, mantivo esta mañá unha reunión de traballo co presidente e outros representantes da Mancomunidade de concellos galegos do Camiño Francés, que aglutina a 11 entidades locais: Pedrafita do Cebreiro, Triacastela, Samos, Paradela, Portomarín, Monterroso, Palas de Rei, Melide, Arzúa, O Pino e Sarria.
O obxecto da xuntanza era dar a coñecer entre os alcaldes e responsables municipais o contido da nova orde de axudas, así como pedir a súa colaboración á hora de difundir os requisitos, prazos e condicións de acceso a estas subvencións, que se convocaron o pasado 22 de marzo cunha dotación orzamentaria de 1,3 millóns de euros.
Con estes fondos, como lles trasladou Heriberto García aos asistentes, poderanse acometer obras ou traballos de mantemento e intervención co fin de adecuar os edificios á normativa vixente, mellorar a eficiencia enerxética (instalacións térmicas, sistemas de captación de enerxía solar, iluminación, etc.) ou intervir sobre as condicións de accesibilidade dos inmobles (eliminación de barreiras arquitectónicas, execución ou adaptación dos baños, aseos, cociñas, etc.).
Os potenciais beneficiarios son tanto persoas físicas propietarias de edificios ou de vivendas unifamiliares, comunidades de propietarios ou agrupacións de comunidades que poderán solicitar as axudas correspondentes á convocatoria de 2021 ata o vindeiro 30 de setembro.
A achega a percibir non poderá exceder nin o 50% do custo subvencionable (aínda que poderá chegar ao 85% en función dos ingresos do solicitante), nin a contía máxima de 25.000 euros por cada vivenda rehabilitada. Ademais, estas axudas son compatibles con outros programas que tamén ofrece a Xunta nestes momentos, como as subvencións para a rehabilitación enerxética ou os préstamos cualificados tamén para a rehabilitación de vivendas, en condicións vantaxosas e sen xuros durante un máximo de catro anos.
Por último, o director do IGVS explicoulles aos asistentes que con estas subvencións búscase un triplo obxectivo: mellorar as condicións de vida dos veciños que residen nos inmobles obxecto de rehabilitación; recuperar e poñer en valor a paisaxe residencial construída nestes ámbito singulares; e fomentar a cultura da rehabilitación no territorio.
Colaboración municipal
Por iso, emprazou aos representantes municipais que asistiron hoxe á reunión en Sarria a colaborar na difusión entre a súa veciñanza desta liña de axudas, que nas súas convocatorias anteriores tivo unha boa acollida entre os propietarios de vivendas e edificios de carácter residencial localizadas na ARI dos Camiños.
Cómpre lembrar que esta Área de rehabilitación integral foi a primeira declarada en Galicia de carácter supramunicipal, o que implica que o IGVS asume directamente a súa xestión. Na actualidade abrangue un total de 126 municipios, é dicir, o 40% dos concellos galegos, un dato significativo da importancia e alcance que ten esta liña de axudas.