Friday 22 de November de 2024

Feijóo destaca que os informes da Xunta foron clave para que a Comisión Europea estea a favor de que o xeito siga sendo unha arte de pesca legal na UE


O titular do Goberno galego salienta o optimismo e a disposición do comisario de que se exclúa o xeito como arte de pesca prohibida na UE “e sexa, así, unha arte de pesca aceptada legalmente de acordo coa regulamentación da Comunidade”

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou en Bruxelas que os informes da Xunta presentados desde o pasado mes de xullo de 2014 foron clave para que a Comisión Europea, a través da súa área de Medio Ambiente, Asuntos Marítimos e Pesca, estea a favor de que o xeito siga sendo unha arte de pesca legal na UE.

Tras unha reunión co comisario de Medio Ambiente, Asuntos Marítimos e Pesca, Karmenu Vella, nunha primeira rolda de contactos co novo Executivo comunitario, para afondar naqueles ámbitos nos que Galicia ocupa unha posición destacada en Europa, Feijóo comunicou o optimismo e a disposición do comisario de que se exclúa o xeito como arte de pesca prohibida na UE “e sexa, así, unha arte de pesca aceptada legalmente de acordo coa regulamentación da Comunidade –que xa temos- e aceptada desde o punto de vista da normativa europea”.

Nesta liña, o responsable autonómico incidiu en que, tal e como lle trasladou o comisario, os estudos científicos e técnicos remitidos desde a Xunta foron clave para inclinar a súa posición a favor de que o xeito siga a poder utilizarse.

O presidente autonómico aseverou que o encontro con Karmenu Vella serviu para repasar o peso da industria pesqueira galega no conxunto da UE, para avaliar a situación actual que atravesa o sector e trasladarlle as súas principais demandas. Non en van, cómpre salientar que Galicia posúe o 10% do emprego marítimo-pesqueiro da UE, produce máis do 11% da pesca fresca que se desembarca nos portos europeos, é líder na conserva e produce máis do 14% do total europeo en acuicultura.

O titular do Goberno galego tamén destacou durante a xuntanza a necesidade de revisar os criterios de asignación de cotas baixo mecanismos de flexibilidade para garantir a competitividade da frota pesqueira galega. E, transmitiu ao novo comisario a invitación da Xunta para que visite a Comunidade galega: “Trasladamos unha invitación formal do Goberno da Xunta para que o comisario visite Galicia e poida coñecer de primeira man a pesca, o marisqueo nas rías galegas, a forma de faenar, o cultivo do mexillón…”, dixo, logo de congratularse de que Karmenu Vella aceptase a invitación que será concretada en próximas datas.

Eficiente execución dos fondos para saneamento das rías e infraestruturas hidráulicas
Por outra banda, o presidente do Goberno galego, que estivo acompañado pola conselleira de Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, destacou diante do comisario a eficiente execución que Galicia está a facer dos fondos europeos destinados ao saneamento das rías galegas e ás infraestruturas hidráulicas. “E o comisario tamén nos transmitiu o seu apoio para que Galicia siga, no ámbito dos fondos europeos, destinando unha parte deles ás depuradoras que nos faltan para conseguir o 100% da directiva marco da auga en todas as rías galegas”, aseverou.

Sobre este punto, Feijóo destacou que na actualidade só faltan por finalizar as infraestruturas de saneamento das rías de Ferrol, de Pontevedra, de Arousa e de Vigo, “para que as rías galegas cumpran ao 100% a directiva marco da auga e conseguir o obxectivo adicional de que todos os núcleos de poboación de 2.000 habitantes teñan depuradas as súas augas”.

Feijóo aseverou que entre os anos 2009 e 2016 o investimento en saneamento e depuración en Galicia superará os 1.000 millóns; dos cales 330 son fondos europeos e o resto son fondos da Comunidade e do Estado.