Ángeles Vázquez presentou as conclusións e contido dos ditames elaborados por expertos penalistas a petición da Xunta, para poñer enriba da mesa solucións a este fenómeno, ante a pasividade e permisividade do Goberno central
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, insistiu unha vez máis na necesidade de reformar o Código Penal para disuadir as ocupacións e devolver as vivendas aos seus propietarios. Unha postura, defendida pola Xunta de Galicia, que agora está avalada por dous ditames de expertos penalistas.
A conselleira informou hoxe das decisións en materia de ocupación abordadas na reunión do Consello do Observatorio da Vivenda de Galicia, celebrada esta mañá.
Ángeles Vázquez anunciou que, en base ao contido dos ditames presentados hoxe no Observatorio, os servizos xurídicos da Xunta elaborarán un informe para trasladar ao Goberno central —que tamén coñecerán os grupos parlamentarios— e que así tome conciencia da problemática cuantitativa e cualitativa deste fenómeno en Galicia.
Ademais, lembrou que ambos ditames foron encargados pola Consellería, co obxectivo de poñer enriba da mesa medidas que freen este fenómeno e, sobre todo, pola falta dunha solución a este problema por parte do Goberno central. Un está elaborado por Santiago Brage, da Universidade de Santiago de Compostela, e o outro por Silvia Valmaña, da Universidade de Castela-A Mancha.
Aclarou que unha das principais conclusións que arroxan, e que avalan a postura defendida pola Xunta, é a necesidade de modificar o Código Penal (o artigo 245) e unha variada e extensa normativa sectorial: como a Lei de Axuizamento Civil, a Lei de Axuizamento Criminal, a Lei do Tribunal do Xurado, a Lei de Propiedade Horizontal, a Lei de Bases de Réxime Local e a Lei Orgánica de protección Xurídica do Menor.
Ante esta situación, a Administración autonómica aposta por reformar o Código Penal, mediante un endurecemento das penas aos que ocupan ilegalmente unha vivenda; ao tempo que se axilizan os procedementos que permitan devolver as vivendas ocupadas aos seus propietarios, outorgando seguridade xurídica.
Así mesmo, manifestou que o Goberno central ten que poñer en marcha medidas que desalenten este tipo de comportamentos, no canto de acubillalos, tal e como sucede coa aprobación o Real Decreto Lei 37/2020, no que se establece a suspensión dos procedementos xudiciais para o lanzamento das ocupacións ilegais durante o estado de alarma.
“Queriamos ver se por parte da Xunta de Galicia estabamos no bo camiño e polo tanto tiñamos que seguir adiante pedindo o que veñen a dicir estes ditames”, incidiu, e engadiu que “non pode ser posible que estea máis penada a extracción dun móbil que unha ocupación ilegal dunha vivenda, co que iso supón”, puxo como exemplo.
Petición de datos ao Goberno central
A conselleira de Medio Ambiente recordou que as competencias autonómicas son limitadas, pero que realizará todas as accións que sexan necesarias para conseguir unha maior seguridade xurídica; e insistiu en que o Goberno do Estado é a administración competente para impulsar as reformas lexislativas que freen a práctica delituosa da ocupación de vivenda.
“Pedímosllo ao Goberno central, pediámosllo ao anterior delegado do Goberno en Galicia e pedímosllo agora ao novo delegado: precisamos ter unha comunicación fluída, o que supón que teñamos os datos actualizados en relación á ocupación de vivenda”, lamentou a conselleira, quen engadiu que as cifras “seguen sen chegar”, polo que a Administración autonómica ten que recorrer a diversas fontes para coñecelos.
Dos datos que se foron coñecendo, segundo sinalou, a conclusión é que, se nos dous primeiros trimestres de 2020 se rexistraba unha ocupación cada dous días en Galicia, no terceiro trimestre esa cifra aumentou ata unha ocupación ao día. “Polo tanto, o número de ocupacións está avanzando e non podemos seguir amparando ese acubillo de ilegalidades que supoñen unha desacougo entre a sociedade”, subliñou.
Teléfono de información
Por último, recordou que a Xunta puxo a disposición das persoas afectadas por unha ocupación ilegal da súa vivenda un teléfono de información e asesoramento especializado e gratuíto (900 121 221), no que serán atendidos por profesionais do Consello da Avogacía Galega (CAG) para atender as consultas que se reciban, tanto por teléfono como vía online.
O obxectivo é dar unha solución e axuda ás persoas físicas propietarias ou usufrutuarias de vivendas ocupadas ilegalmente saiban como actuar ante esta situación en todos aqueles aspectos referidos a trámites de carácter administrativo ou xudicial que garden relación cos dereitos e obrigas dos afectados.