A Xunta ten abertos catro programas de axudas directas para o pago de alugueiros para persoas que se atopen nunha situación económica delicada
O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, reunise esta mañá, por videoconferencia, cos representantes do Colexio de Traballadores Sociais para informar das distintas liñas da axuda da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda dirixidas aos colectivos que peor o están pasando nestes difíciles momentos. En total, a Xunta ofrecerá ás persoas cunha situación económica delicada ou que se están a ver especialmente afectadas pola covid, catro programas de axudas directas para o pago dos seus alugueiros cun investimento total de case 10 millóns de euros.
Nesta liña, o delegado da Xunta lembrou que desde o pasado 31 de marzo está aberto o prazo para solicitar as axudas ao alugueiro dirixidas a facilitar o acceso e mantemento da súa vivenda habitual a persoas e colectivos específicos con escasos recursos económicos.
A orde de axudas enmárcase no esforzo especial que realizará a Xunta este ano en materia de axudas ao alugueiro.
Neste sentido, o programa conta con dúas liñas diferenciadas: unha destinada á poboación en xeral, en cuxo caso o importe máximo da axuda poderá ser de 200 euros ao mes ou de 250 euros, se o solicitante ten máis de 65 anos; e outra dirixida ao colectivo de menores de 35 anos, que poderán optar grazas a ela a unha subvención de ata 250 euros. A duración da axuda será dun ano.
Esta nova convocatoria, enmarcada no Plan estatal de vivenda 2018-2021, conta cunha dotación global de 2,27 millóns de euros e pode solicitarse desde o pasado 31 de marzo durante o prazo dun mes. En canto aos posibles beneficiarios, aínda é pronto para facer estimacións cómpre lembrar que, nestes momentos, máis de 5.000 galegos reciben axudas a través deste programa.
Axudas para minimizar o impacto da covid
A Xunta tampouco é allea ao impacto que tivo e segue a ter a covid sobre a economía doméstica de moitas familias galegas. Por este motivo, fárase un esforzo especial para apoiar a todas aquelas unidades de convivencia con dificultades á hora de facer fronte ao pago das rendas da súa vivenda habitual.
A este respecto, desde o pasado 6 de abril, tamén están convocadas as axudas dirixidas a persoas en situación de especial vulnerabilidade pola covid-19. Cómpre lembrar que este programa se puxo en marcha o ano pasado para ofrecer unha resposta efectiva e específica a aquelas familias e colectivos que viron como se resentían os seus ingresos domésticos debido á pandemia, chegando a máis dun milleiro de beneficiarios en Galicia.
Este ano, a nova convocatoria das axudas ao alugueiro pola covid terá unha dotación de 2 millóns e, como principal novidade, cómpre subliñar os cambios introducidos nas bases co obxectivo de mellorar e axilizar a tramitación, grazas á experiencia adquirida o ano pasado.
Deste xeito, simplificaranse os anexos que se deben xuntar coa solicitude, modificarase a forma de xustificación para poder cobrar a axuda e mellorarase tamén o modo de pagamento, que en lugar de facerse mes a mes será por anticipado e pago único.
Ademais destas dúas novas liñas de axudas, a Consellería de Medio Ambiente e Vivenda tamén ten outros dous programas de axudas directas en materia de alugueiro que xa se convocaron para este ano. O Bono de alugueiro social, unha liña de subvencións creada para atender con carácter urxente a unidades de convivencia que pola súa situación de vulnerabilidade teñan dificultades para manter os seus fogares, e ao Bono de alugueiro social para vítimas de violencia de xénero, impulsada co mesmo fin pero dirixida a un colectivo especialmente sensible e para o que a vivenda resulta clave.
Ambos programas convocáronse este ano por un importe global de 3,66 millóns aínda que atendendo á situación provocada pola covid, lembrou que durante todo 2021 os bonos alugueiro veranse complementados pola Xunta ata chegar ao 100% do custo das rendas dos beneficiarios, unhas axudas extraordinarias ás que destinará outros 1,98 millóns de euros.