A Xunta deberá entregar estes viarios mellorados e asfaltados, mentres que o Concello asumirá a ampliación das beirarrúas e mellora do alumeado público na zona
O alcalde de Brión, Pablo Lago, mantivo unha reunión coa conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, para avanzar na cesión ao Concello brionés de tres tramos de estradas que son titularidade da Xunta de Galicia. Unha cesión condicionada a que a Xunta de Galicia entregue estas estradas melloradas e debidamente pavimentadas.
“Coa cesión destas estradas, o Concello de Brión podería mellorar a súa accesibilidade, adecuar e ampliar as beirarrúas, mellorar o alumeado público, reducir a velocidade dos vehículos e tomar outras decisións que nestes momentos son moi complicadas de tomar por ter a desvantaxe de andar a pedir autorizacións constantes ao titular da estrada, que é a Consellería”, explica Pablo Lago.
En concreto, o Concello de Brión solicita a titularidade de tres tramos de estradas, coa rotonda dos Ánxeles como punto de encontro de todas elas. O tramo da AC-543 entre Bertamiráns e a rotonda dos Ánxeles; o tramo da AC-451 entre a rotonda dos Ánxeles e a rotonda de acceso á Autovía Santiago Brión; e o tramo da AC-300 entre a rotonda dos Ánxeles e a rotonda de Soigrexa.
Punto negro
O alcalde brionés fixo fincapé na necesidade de que no momento da cesión da titularidade todos os tramos estean nunha situación óptima de conservación. Así, reiteroulle á conselleira a necesidade de actuar na rotonda da rúa da Senra, onde se teñen producido varios sinistros de tráfico que se atribúen a un deficiente peralte da mesma. Ethel Vázquez amosou a súa preocupación por este problema e comprometeuse a buscarlle unha solución axeitada e coa maior brevidade posible.
Pablo Lago destacou e agradeceu a bo receptividade da conselleira coas peticións realizadas, se ben precisou que a conselleira xa lle adiantou que a Xunta deberá facer un estudo económico previo da viabilidade destas peticións.