Na mañá deste xoves 15 comezaron os labores de acondicionamento da praia dos Areos, os cales terán continuidade no día de mañá, venres 16. Segundo explica a concelleira dos Servizos Municipais, Estefanía Ramos (Nós Pobra), trátase dunha actuación “moi necesaria” debido a que as mareas e os temporais fan que a area se acumule na zona máis próxima ó porto, polo cal se produce unha descompensación respecto ó resto do areal. A dita intervención conta coa autorización de Costas e consiste na redistribución do sedimento ó longo da área supramareal da praia coa finalidade de acondicionala para a tempada estival e tamén elimina-los problemas que se estaban a producir nos días de temporal cando a area chegaba a acumularse no paseo que discorre pola contorna.
A empresa que está a realizar estes traballos é Tragsa, mediante un contrato de prestación de servizos por un importe de 11 888’14 euros, IVE incluído, con cargo ó orzamento municipal.
Cómpre indicar que, debido a estes labores, tanto hoxe coma mañá está prohibido aparcar na rampla do recheo, ademais de que se pode producir algún corte puntual do tráfico na estrada paralela ós Areos.