Friday 22 de November de 2024

Este xoves finaliza o prazo de solicitude das axudas extraordinarias para entidades convocadas polo Concello de San Sadurniño


 

O Concello de San Sadurniño publicou hai unhas semanas unha convocatoria específica para as asociacións e entidades do municipio coa finalidade de axudarlles cos gastos correntes efectuados durante o último ano. A partida total é de 3.000 euros, que se distribuirán unicamente entre aqueles colectivos que non suscriban convenio nominativo co Concello. As axudas poden solicitarse ata este xoves 15 de abril presentando a documentación no rexistro municipal ao longo da mañá, ou ben remitíndoa a través da Sede Electrónica municipal antes de que finalice o día.

As bases publicadas no BOP establecen os criterios para a concesión dunha primeira liña de subvencións orientada a compensar no posible os gastos que soportasen as entidades entre o 1 de xaneiro de 2020 e o 31 de marzo deste mesmo ano. Entre os conceptos para os que se poderán obter axudas están:

Gastos de mantemento, mellora das instalacións e equipamento das asociacións e entidade sen fin de lucro que dispoñan de instalacións en propiedade.
Gastos de funcionamento ordinario, como telefonía, electricidade, limpeza, papelaría, seguros de responsabilidade civil, etc.
Gastos en materiais de prevención da COVID-19
E tamén outros gastos ordinarios aos que os colectivos tivesen que facer fronte no último ano.
Estas axudas están abertas a todas as entidades veciñais, culturais e deportivas de San Sadurniño que non asinen convenio anual co Concello e, ademais, serán compatibles con outras concedidas para a mesma finalidade, aínda que sen superar en conxunto o importe dos gastos que se presenten como xustificación.

A solicitude das subvencións limítase a catro documentos: a propia folla de solicitude coa relación de gastos para os que se pide a axuda e o seu importe, unha certificación do número de persoas socias e do acordo da directiva de acollerse á convocatoria, unha declaración conforme a entidade pode percibir subvencións e, por último, -de ser o caso- unha declaración específica para aqueles colectivos que dispoñan de local propio ou en aluguer (só Igrexafeita e Naraío, posto que o resto exercen a súa actividade en recintos municipais).

A asignación dos fondos entre aquelas solicitudes que cumpran os requisitos farase mediante unha sinxela fórmula e todas as peticións pasarán por unha comisión cualificadora con representación do equipo de goberno e dos tres grupos municipais, ademais dun traballador ou traballadora do Concello que se encargará da secretaría do proceso.

Unha vez presentadas as solicitudes as asociacións terán de prazo até o 30 de abril para achegar a documentación xustificativa dos gastos.

Convocatoria de axudas para 2021
A finalidade desta liña de subvencións extraordinaria é colaborar cos gastos fixos soportados polas entidades durante todo 2020 e o primeiro trimestre de 2021. Un período sen practicamente actividade -salvo algúns colectivos-que se agarda poder recuperar na medida en que a pandemia vaia indo a menos.

Por este motivo o Concello convocará proximamente a xuntanza do Consello de Participación Veciñal, órgano polo que pasan os borradores das convocatorias anuais de axudas para investimentos e actividade. Nesa asemblea poranse en común as previsións das asociacións de cara a este ano, tendo en conta a imposibilidade de saber neste momento cal vai ser a evolución da situación sanitaria. Tamén se falará dos avances de programas deseñados por cada entidade -de habelos- e cuestións concretas que precisen os colectivos, co obxectivo de elaborar unhas bases para este ano que se axusten ás súas necesidades.