Friday 22 de November de 2024

O artista Paco Casal amosa en febreiro no Centro Lustres Rivas de Riveira a súa exposición pictórica “Realidades Máxicas”


O artista afincado no municipio riveirense Paco Casal vai ser o protagonista dunha nova mostra cultural no noso municipio, a primeira que se inaugura este ano na sala de exposicións do Centro Cultural Lustres Rivas.

O acto inaugural desta proposta, titulada “Realidades Máxicas”, terá lugar o vindeiro venres 6 de febreiro, ás 20.30 horas, baixo a presidencia do alcalde Manuel Ruiz. Estará aberta ata o 28 de febreiro.

A mostra pictórica consta de 24 obras de distinta temática (se ben cun predominio das mariñas e paisaxes) realizadas coa técnica de acrílico á espátula.

Con esta nova exposición dáse outro paso na idea do Concello de Riveira de que o Lustres Rivas sirva como escenario apropiado para dar a coñecer aos talentos da comarca. Neste senso, dende a súa estra no mes de xuño de 2013 xa se celebraron propostas dedicadas a artistas como Antonio Pérez, Beatriz Martínez del Campo y Ricoy, Che Tembra ou Nuco Losada.

Traxectoria
Paco Casal, pintor nacido en Ferrol en 1956 e afincado en Aguiño, comeza a pintar en 1985, estudando a obra do mestre Vázquez Doce. Tras pasar por diferentes talleres e estudios comeza a expoñer con regularidade compartindo esta arte con outras ocupacións laborais ata 2010, ano no que pasa a dedicarse plenamente á pintura. Os seus traballos, fundamentalmente paisaxes, céntrase na Galicia verde e fantástica complementada polas mariñas atlánticas das costas galegas.

Entre as últimas exposicións de Paco Casal ten exhibido a súa obra de xeito individual ou colectivo en localidades como Boiro, Brión, Sanxenxo, Pontevedra, Madrid, Sada ou Riveira.