A Casa do Concello acolleu esta mañá o pleno extraordinario no que se someteron a votación os orzamentos municipais para este 2021, que virán substituír as contas prorrogadas desde hai dous anos. O equipo de goberno presentou unha proposta que ascende a 12.182.323 euros, a cifra máis alta na historia do Concello, coa que se pretende dárlle resposta a un contexto de crise promovendo a reactivación económica por medio do investimento público en infraestruturas e, principalmente, en políticas sociais e de emprego. O contido do documento debateuse durante máis de hora e media antes de obter o apoio de BNG, PSdeG-PSOE e Esquerda Unida, mentres que o PP se posicionou en contra reprochándolle ao tripartito a demora en traelo a pleno e considerando, entre outras cuestións, que o orzamento non reserva recursos abondos para accións sociais e para apoiar ao tecido produtivo.
O Executivo local debullou os principais apartados dunhas contas que, en comparanza cos dous exercicios anteriores, incrementan en 2.4 millóns de euros o orzamento de 2018 e en 382.000 euros as cifras de ingresos e gastos consignadas inicialmente en 2019, que logo se verían prorrogadas en 2020 e aumentadas á alza en máis de 300.000 euros coa incorporación de remanentes propios e achegas doutras administracións.
As liñas estratéxicas do orzamento debatido esta mañá céntranse en primeiro lugar, segundo explicou o goberno fenés, na xeración de emprego e activación da economía. Así, como novidade, está previsto impulsar un Plan de emprego municipal cuantificado en 254.000 euros -150.000 municipais e 104.000 achegados pola Deputación-. Tamén se recolle complementar o PEL Reactiva con outros 47.000 euros -a maiores dos case 170.000 xa consignados- para que ningún negocio que cumprise os requisitos da convocatoria quede sen axudas por esgotamento de crédito provincial. Ademais, en relación co tecido produtivo, destinaranse 10.000 euros para as campañas de dinamización da asociación O Cruceiro, que agrupa negocios da hostalaría e o comercio. No ámbito do emprego o Executivo local destaca tamén a cobertura de ata sete prazas de persoal municipal e a convocatoria de bolsas de substitucións en distintos servizos.
A segunda estratexia orzamentaria atende ás politicas sociais e o apoio ao asociacionismo. A macrocifra deste apartado achégase a 1,2 millóns de euros dos que 998.000 se dedicarán ao Servizo de Axuda no Fogar e servizos asistenciais. A contía restante resérvase para financiar as organizacións que colaboran co Concello neste ámbito, xunto co sostemento dos convenios nominativos e liñas de axuda dirixidas ao tecido asociativo e deportivo. A achega municipal sobe neste último apartado case 48.000 euros, pasando dos 141.963 euros consignados en 2019 aos 189.800 recollidos no orzamento aprobado inicialmente esta mañá.
Un terceiro eixo orzamentario de cara ao 2021 é o investimento en servizos públicos. As contas xa recollen as partidas do POS+ -máis de 345.000 euros en proxectos viarios e de saneamento que se han ver incrementados ao longo do ano-, así como unha consignación económica de 200.000 euros para a adquisición de terreos dedicados a equipamentos públicos definidos no PXOM. Tamén se sinalan no documento do orzamento a posta en marcha do Punto Limpo do Vilar do Colo, a contratación da revisión do actual planeamento urbanístico -56.000 euros- e o reforzo da Policía Local con máis persoal e novos vehículos que se acompañará, ademais, de máis medios técnicos para Protección Civil e os servizos da limpeza municipal.
O orzamento municipal 2021 suma no apartado de gastos 12.182.323 euros, cifra coincidente coas previsións iniciais dos capítulos de ingresos que deben soster toda a acción municipal. Neste sentido o Executivo local contempla 4,7 millóns de euros de transferencias do Estado, o que supón un incremento superior aos 520.000 euros en comparanza coas contas prorrogadas desde o 2019. Por taxas e impostos municipais agárdanse ingresar 7 millóns de euros sen aplicar ningún tipo de subida con respecto aos dous últimos anos.