O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, apunta no Parlamento que o Goberno galego seguirá ao lado dos traballadores da planta da Coruña na procura dunha alternativa que ofreza emprego estable e de futuro
O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, destacou hoxe no Parlamento que a Xunta estivo, está e estará ao lado dos traballadores de Alu Ibérica na procura dunha alternativa que lles ofreza un emprego estable e con futuro.
De feito, o Goberno galego solicitou ao Executivo central que colabore coa xustiza para esclarecer os feitos realizando unha auditoría técnica e financeira, tal e como piden os traballadores, e que cumpra os seus compromisos para fixar un prezo eléctrico competitivo. O vicepresidente económico asegurou que a Xunta está aberta á intervención temporal da planta por parte do Goberno, a través da SEPI, para facilitar a entrada dun investidor solvente cun proxecto industrial a longo prazo.
Segundo Conde, pechar a planta sería un contrasentido, xa que se trata dun sector estratéxico e esencial para a economía galega, polo que volveu pedir a convocatoria da mesa industrial xa que non se sabe nada dos fondos comprometidos para garantir a reactivación da actividade na Coruña máis aló do mes de xuño. Neste sentido, este encontro debería servir tamén para que as empresas expliquen se se están cumprindo ditos compromisos.
Parques eólicos
Por outra banda, o vicepresidente económico tamén respondeu a preguntas sobre o sector eólico nas que incidiu en que tramitar non é o mesmo que autorizar e que é obriga de calquera administración tramitar todo proxecto eólico que se lle presente seguindo a normativa vixente para determinar se procede ou non a súa autorización. Explicou que se trata dun procedemento con total transparencia para a cidadanía que pode presentar as alegacións oportunas e no que é obrigado pedir análises e informes aos organismos sectoriais que procedan.
Conde insistiu no cumprimento absoluto da normativa por parte do Goberno galego, polo que calquera decisión que se adopte conta con todas as garantías xurídicas, técnicas e medioambientais.
No referente ao proxecto en Troitomil, explicou que, á vista dos informes presentados e a modificación solicitada polo promotor, reduciuse case á metade o número de aeroxeradores, ata cinco, e todas as posicións cumpren a distancia necesaria. Agora a Administración autonómica informará sobre posibles afeccións, medidas para a protección ou os efectos acumulativos ou sinérxicos con outros proxectos da zona.
Con respecto aos proxectos na Serra do Suído e Alto Tea incidiu en que se seguirá a tramitación marcada e que tamén se exixirá analizar os efectos sinérxicos e acumulativos con outros parques eólicos en funcionamento ou tramitación e das súas infraestruturas asociadas nun radio de 15 quilómetros. Ademais, Conde precisou que, no momento en que se iniciase a tramitación dunha posible ampliación da Rede Natura que afecte a este ou outros sectores, se paralizaría a tramitación dos proxectos ata a aprobación da zona como de protección.