Friday 22 de November de 2024

O Día do Deporte na rúa trasladarase aos barrios da cidade


O Concello crea o programa “Coruña Mar” con cursos de aprendizaxe de pádel surf, windsurf, remo, piragüismo, vela lixeira e vela adaptada, entre outras actividades relacionadas co mar
“Coruña en forma” converterá de novo á cidade no verán nun grande escenario ao aire libre para practicar distintas disciplinas deportivas
Ante a crise sanitaria provocada pola Covid-19, o Concello aposta este ano pola descentralización do habitual Día do Deporte na rúa para levalo a varios barrios da cidade, sempre baixo a filosofía do deporte para todas e todos. A alcaldesa, Inés Rey, sinala que o Goberno local aposta pola cultura do deporte: “A nosa intención é que todos os barrios dispoñan de espazos adecuados para practicalo”.
A xornada festiva será o 27 de xuño de 11.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 19.00 horas, e a participación é de balde. Para a súa realización, a Concellería de Deportes propón distintas zonas, espazos e instalacións como a explanada do Pazo dos Deportes de Riazor, Cidade Deportiva de Riazor, a praia de Riazor, as salas de esgrima e de halterofilia na Casa da Auga, os Xardíns de Méndez Núñez, o parque de Vioño, a praza de Tabacos, a Cidade deportiva A Torre-Arsenio Iglesias e o frontón, Santo Amaro e a base náutica de Oza.
CORUÑA NO MAR
A gran novidade deste ano será a realización de xullo a setembro de distintos cursos de aprendizaxe, de iniciación, de actividades deportivas relacionadas co mar. A concelleira de Deportes, Mónica Martínez, sinala que “non podemos agardar de forma pasiva a que a veciñanza se achegue aos deportes náuticos. O noso mar, o noso pavillón azul, é unha instalación natural única. Trátase de facer deporte, coñecer o mar, respectalo e valoralo como fonte de riqueza, de pracer, diversión e lecer”.
O programa, “Coruña no mar” diríxese ao conxunto da cidadanía. As actividades distribuiranse en dous bloques: cursos semanais intensivos (de luns a venres) e actividades quincenais de fin de semana. Entre as actividades propostas nun primeiro momento figuran o surf, o pádel surf, o windsurf, o remo, o piragüismo, a vela lixeira, a vela adaptada, o kayak de mar, a natación en augas abertas, o mergullo e a pesca deportiva.
CORUÑA EN FORMA
Doutra banda, a Concellería de Deportes pon en marcha un ano máis o programa Coruña en Forma para dinamizar durante os meses de verán espazos non convencionais para practicar o deporte e a actividade física: paseo marítimo, rúas, prazas, parques. A proposta de actividades vai encamiñada a fomentar a práctica do exercicio físico entre toda a cidadanía coruñesa, pero especialmente para a poboación máis sedentaria, como pode ser a terceira idade. A Coruña converterase así nos meses de xullo a setembro, os meses de inactividade nas tradicionais Escolas Deportivas Municipais, nunha grande instalación deportiva ao aire libre. Haberá actividade física nas praias de Riazor e Oza, no parque Europa, no parque de Vioño, no miradoiro da praia de Matadoiro, no Barrio das Flores, e tamén nos xardíns da Mestranza e na praza dos Avós.