· As persoas promotoras de proxectos deste tipo disporán deste inmoble para habilitar una Casa do Maior en Camariñas.
· Sandra Insua destacou que “queremos colaborar no fomento da autonomía das persoas maiores” e explicou que “tomamos a iniciativa iniciativa de dar utilidade social a un ben municipal”.
O Concello de Camariñas acordou hoxe en Xunta de Goberno Local ofertar o antigo colexio de Xaviña para que funcione como Casa do Maior, uns pequenos centros de día que a Consellería de Política Social fomenta no rural para cubrir este servizo.
Trala desafección definitiva do colexio de Xaviña, aprobada no 2020 a proposta do goberno local, o Concello cree que o local é apto para acoller unha instalación como a Casa do Maior e ofrece para isto dúas aulas da planta baixa.
No mes de marzo a Consellería de Política Social aprobou as bases para a concesión de axudas para a posta en marcha de Casas do Maior polo que o servizo estará financiado integramente pola Xunta de Galicia. Así, a través deste acordo ponse a disposición das persoas promotoras de proxectos de casas de maiores o colexio de Xaviña para presentar as correspondentes solicitudes de participación nesta convocatoria de subvencións autonómicas.
Unha das condicións que se establecen é o compromiso das persoas promotoras de realizar as obras necesarias para a adaptación do inmoble e a dotación do mobiliario necesario para adecuarse ao establecido na convocatoria. Ademais, a duración máxima de autorización de ocupación será de 5 anos.
A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, destacou que “queremos colaborar no fomento da autonomía das persoas maiores e este é un servizo necesario e demandado que se fará a coste cero a través desta vía” e explicou que “tomamos a iniciativa de dar utilidade social a un ben municipal”.