A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e a delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, visitaron hoxe as actuacións levadas a cabo na cuberta e na mellora da accesibilidade e de seguridade do local da asociación de veciños Santo Anxo de Lourido
A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e a delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, comprobaron hoxe as melloras levadas a cabo no local da asociación de veciños Santo Anxo de Lourido, no marco das subvencións incluídas no Plan de acción comunitaria.
Durante a visita, Natalia Prieto destacou a aposta do Goberno galego na colaboración con estas asociacións co obxectivo de contribuír á dinamización e consolidación do movemento veciñal e a mellora da calidade de vida local.
Por iso, este ano a Xunta renovou o investimento de 2,5 millóns de euros para estas axudas, que na convocatoria do ano pasado permitiron levar a cabo obras nos locais sociais e instalacións comunitarias de 190 asociacións da comunidade, así como na adquisición de equipamentos para o seu funcionamento ou na reparación de traídas de auga veciñais.
No caso da asociación veciñal Santo Anxo de Lourido de Soutomaior, a Administración autonómica colaborou con 12.000 euros na reforma da cuberta exterior e na mellora da accesibilidade e seguridade. Así, elimináronse as barreiras arquitectónicas coa instalación dunha rampla e varandas de protección no novo pórche da entrada principal, e ademais instalouse unha fiestra para evitar as filtracións. A asociación de Santo Anxo de Lourido é unha das 47 entidades da área de Vigo beneficiarias desta orde de axudas en 2020 por un importe de case 624.000 euros.
Nos últimos anos, a Xunta investiu preto de 10,5 millóns de euros en case un millón de proxectos de asociacións de veciños, de mulleres rurais e de comunidades de usuarios de augas.