Friday 22 de November de 2024

O Concello de Lousame presentou un libro sobre o seu patrimonio


A publicación é o resultado do estudo realizado por Clodio González Pérez sobre o municipio
Teresa Villaverde salienta que “é fundamental coñecer o noso entorno e patrimonio para poder transmitilo ás novas xeracións”

A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, presidíu o pasado venres na casa da cultura a presentación do libro Concello de Lousame. Patrimonio arqueolóxico, histórico, artístico e arquitectónico. A publicación, editada por Toxosoutos, é obra do investigador e escritor, Clodio González Pérez. No acto tamén participou o profesor e escritor Xerardo Agrafoxo Pérez e contou cunha actuación dun quintento de clarinetes da Escola de Música Municipal.

Na súa intervención, a rexedora salientou que publicacións coma esta contribúen a pór en valor o propio municipio. “É fundamental coñecer o noso entorno e patrimonio e transmitilo ás novas xeracións”, indicou. Ao mesmo tempo, libros coma o elaborado por Clodio González serven tamén para “educar a sensibilidade, porque non coidamos suficiente todo o que nos rodea”. Por iso, resulta necesario realizar “esforzos” para desenvolver “proxectos” que contribúan a dar a coñecer o municipio aos propios veciños.

Pola súa banda, Xerardo Agrafoxo loubou a ampla traxectoria de Clodio González e asegurou que o libro que vén de presentar “está moi ben editado”. Nas súas páximas atópase unha “ampla bibliografía” da que se servíu o autor para realizar un repaso por toda a historia do Concello de Lousame, “que xa era territorio habitado dende o ano 4000 antes de Cristo”. O profesor e escritor fixo fincapé, así mesmo, no potencial turístico das Minas de San Finx, sendo “unha oportunidade para desenvolver o turismo” nun municipio que ten moito que ofrecer.

Precisamente as Minas de San Finx tiveron unha importancia clave na historia de Lousame, e así o expresou Clodio González na súa intervención. A explotación mineira de wolframio tivo o seu momento de esplendor durante a II Guerra Mundial, contando o municipio “cunha actividade industrial moi grande”. Non en van, nesa época foron “máis de 1.000 persoas” as que traballaban na explotación mineira, que finalmente cesaría a súa actividade no 1990.

O autor do libro repasou os fitos históricos máis importantes do municipio e que se ven reflexados en distintos espazos, coma no caso das mámoas, os castros, as igrexas e retablos e incluso os cruceiros. Na súa publicación tamén se desvelan detalles coma que “o primeiro nome de Lousame foi Toxosoutos -no ano 1634- e a xurisdicción non incluía todas as parroquias, xa que só estaban Barro, Lesende, Roo, Toxosoutos e Corenza”. O Concello adquiriría o seu actual nome no 1836 e xa integrando a todas as súas parroquias.

Pechou o acto Teresa Villaverde desexando grandes éxitos á publicación e anunciando futuras intervencións de cára a promover a historia e patrimonio (material e inmaterial) do Concello de Lousame. Entre os próximos obxectivos está desenvolver unha nova actuación no entorno das Minas de San Finx para completar o seu actual Centro de Interpretación.