O consistorio tamén reserva unha partida de 9.000 euros para contribuír ao I Plan de rescate da Hostalaría convocado pola Xunta de Galicia
14 persoas autónomas e pequenos negocios de Moeche xa recibiron as axudas económicas do PEL Reactiva cofinanciadas pola Deputación da Coruña e o Concello. En total asignáronse 21.294,84 euros en dúas quendas, a primeira a finais de febreiro para os sete solicitantes que presentaron daquela a documentación xustificativa e a segunda hai tan só uns días, mediante a que se pagaron as axudas para outros sete negocios que rexistraron a xustificación antes do 31 de marzo, último día de prazo para facer o trámite. Desta maneira, o Concello de Moeche é un dos municipios da provincia que máis axiña completou este programa de achegas públicas dirixidas a colaborar con microempresas e autónomos nos gastos derivados da súa adaptación ás esixencias preventivas da COVID-19, pero tamén noutros necesarios para o mantemento da súa actividade, como por exemplo os consumos enerxéticos, os alugueiros ou as pólizas de seguros.
O PEL Reactiva concibiuse como un programa provincial xestionado directamente polos concellos coa finalidade de contribuír á recuperación económica dos pequenos negocios. Ás axudas podían acollerse persoas autónomas -con ou sen persoal ao seu cargo- e microempresas con domicilio fiscal en Moeche que se atopasen nalgún dos seguintes supostos: que tivesen que pechar polo Estado de Alarma declarado en marzo de 2020, que, malia non ter que pechar, visen reducida a súa facturación nun 75% durante o segundo trimestre do ano ou que se atopasen na obriga de acollerse a un ERTE.
Dentro deses supostos marcáronse tramos de axudas fixas dependendo das circunstancias, de forma que as persoas autónomas sen persoal contrado -que tivesen que pechar ou con facturación inferior ao 75%- podían chegar aos 1.500 euros de axuda, mentres que aquelas con persoal a cargo ou microempresas que cumprisen os requisitos poderían percibir 2.000, 2.500 ou 3.000 euros dependendo do número de persoas empregadas.
Segundo as bases, a percepción destas contías máximas estaba condicionada a que se achegasen facturas por gastos subvencionables que sumasen o importe concedido (sen contar o ive) e reducíndose na contía correspondente no caso de que o importe xustificado fose inferior á subvención asignada. Neste sentido o Concello tiña reservados para a convocatoria un total de 29.000 euros, 18.000 provinciais e outros 11.000 que poñía o consistorio de recursos propios. Das 17 solicitudes recibidas houbo dúas que tiveron que rexeitarse por non ter domicilio fiscal en Moeche e, das 15 restantes que si cumprían cos requisitos, houbo unha que non presentou xustificación suficiente.
Polo tanto, ao remate do proceso de solicitude-adxudicación-xustificación, foron 14 as microempresas e persoas autónomas que percibiron axudas polos importes que foron quen de acreditar mediante facturas efectivamente pagadas até o 31 de decembro de 2020 por distintos conceptos: a adquisición de material antiséptico, produtos de hixiene e limpeza; a instalación de mamparas de protección; gastos de alugueiro de locais; arrendamentos de maquinaria e vehículos; seguros de responsabilidade civil… e tamén outros custos fixos que se soportasen durante a crise, como por exemplo a luz, o gas, a subministración de auga ou os gastos en combustibles.
As cantidades adxudicadas finalmente situáronse entre os algo máis de 500 euros e os 2.500 efectivamente xustificados. O Concello de Moeche efectuou un primeiro pagamento de 12.318,97 euros a finais de febreiro -para as solicitudes admitidas que tiñan xa presentada toda a documentación- e o pasado día 9 de abril fixo a segunda rolda de transferencias, por un valor total de 8.975,87 euros, para aquelas peticións tramitadas pouco antes do remate do prazo da convocatoria.
“Tramitamos as axudas con dilixencia e coa máxima rapidez”, indica a alcaldesa, Beatriz Bascoy. Segundo destaca a rexedora, a Técnica de Desenvolvemento local “fixo un grande esforzo” co obxectivo de que os negocios e persoas autónomas beneficiarias “puidesen cobrar as axudas no prazo máis breve posible despois de presentar a documentación xustificativa. Nese sentido o noso Concello é un dos que máis axilizou o PEL Reactiva, ao que contribuímos con 11.000 euros de fondos propios para que ningún negocio que cumprise os requisitos quedase sen a posibilidade de percibir a axuda máxima”.
O Concello colaborará no I Plan de rescate da Hostalaría da Xunta
Beatriz Bascoy tamén avanzou a intención municipal de colaborar coa Xunta de Galicia achegando fondos para cofinanciar o I Plan de rescate da Hostalaría. Este programa pechou recentemente o prazo de solicitude e agora a Consellaría de Emprego e Igualdade está revisando todas as peticións para asignar as axudas en rexime de concorrencia competitiva. Isto quere dicir que os 12 millóns de euros destinados a esta liña se asignarán segundo a orde de rexistro, de maneira que poden quedar sen axuda aqueles negocios que, malia cumprir os requisitos, se demorasen en pedila aínda estando dentro do prazo dado pola Xunta.
Para ampliar o seu alcance, o Executivo autonómico e o da FEGAMP acordaron abrir a posibilidade de que os concellos se sumasen ao financiamento da convocatoria dándolles como opción complementar con fondos propios as contías concedidas pola Xunta, ou ben cubrir aquelas solicitudes que quedasen fóra das subvencións por terse esgotado o crédito autonómico.
Os concellos deben suscribir un convenio a tal efecto e indicar a contía da súa contribución. Moeche acordou sumarse ao programa, habilitando para iso unha partida de 9.000 euros. Con estes fondos o Concello podería incrementar en 1.000 euros cada unha das nove solicitudes recibidas pola consellaría -se é que resultan finalmente beneficiarias- ou asegurarlles polo menos esa cantidade a aquelas que cumpran os requisitos e que queden sen axuda porque á Xunta se lle acabasen os cartos da convocatoria.
Porén, antes de decidir cal destas dúas fórmulas se vai aplicar, é necesario que a Xunta comunique cantas solicitudes van resultar beneficiarias da subvención e cantas quedarían sen ela por esgotamento de crédito. Ese dato seguramente se coñeza a semana que vén.