O delegado da Xunta comprobou a utilidade das distintas adquisicións que se realizaron grazas ás axudas de máis de 70.000 euros da Consellería do Mar
O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, participou nunha xuntanza de traballo cos representantes da confraría de San Telmo de Porto do Son para coñecer de primeira man as súas necesidades e inquedanzas, aclarar dúbidas relacionadas coa súa actividade e buscar o mellor xeito de atendelas.
O encontro enmárcase no seguimento que realiza a Xunta ao sector, especialmente importante nestes momentos de tantas dificultades provocadas pola pandemia. Na reunión comprobou as distintas adquisicións que se realizaron na confraría grazas ás axudas para investimentos en equipamentos portuarios pesqueiros que concede cada ano a Consellería do Mar.
Esta entidade recibiu desde 2017 máis de 70.000 euros para a adquisición dunha transpaleta, unha carretilla elevadora e unha báscula pesapalets así como para a instalación de iluminación led, a adquisición de contedores isotérmicos ou a incorporación dunha transpaleta pesadora, mercada o ano pasado.
Ademais, o representante do Goberno autonómico comprobou outro dos proxectos que se están levando a cabo nesta confraría a través dos investimentos do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Costa Sostible para a recuperación dos fondos históricos -como fotografías, publicacións de hemeroteca e actas vencellados á confraría- para posteriormente dixitalizalos, publicalos nun entorno dixital e divulgalos a través dunha web e dun plan de comunicación.
O custo deste proxecto é de preto de 90.000 euros, dos que a Consellería do Mar financia o 82% do importe subvencionable ao achegar máis de 60.000 euros. Entre os obxectivos desta iniciativa destacan a organización integral do arquivo documental da confraría, a dinamización da zona de influencia do GALP, a conservación e mellora do patrimonio inmaterial da confraría ou a preservación da tradición da cultura mariñeira. Tamén prevé a revitalización do patrimonio inmaterial, a catalogación e inventariado dos fondos, o acceso público a través do escaparate virtual e a busca de medios para transmitir de xeración en xeración a importancia do patrimonio.
Trenor destacou que con estas achegas “búscase impulsar iniciativas que redunden en beneficio das zonas litorais de Galicia”. Neste sentido, o delegado da Xunta lembrou que a súa finalidade é impulsar proxectos que contribúan, entre outros aspectos, a aumentar o emprego e a cohesión territorial nas comunidades pesqueiras e acuícolas.
Neste sentido, o representante do Goberno autonómico tamén sinalou que son obxecto destas axudas aqueles proxectos que contribúan a diversificar as actividades realizadas no eido do mar, a promover a innovación en todas as fases da cadea de subministración dos produtos da pesca e da acuicultura e a fomentar o patrimonio cultural pesqueiro.
Bordo portuario
Gonzalo Trenor referiuse tamén ao gran investimento que a Xunta de Galicia está levando a cabo neste Concello para o acondicionamento do bordo portuario, cun investimento de 4 millóns de euros que permitirá abrir o municipio ao mar. A estimación inicial, dado o actual avance das obras é que estean rematadas a finais de 2021.