Friday 22 de November de 2024

Rey: “A Coruña é un foco cultural de primeira categoría e nesa liga imos xogar”


A alcaldesa inaugurou na Fundación Seoane a maior retrospectiva que se realizou até o momento do deseñador gráfico Víctor Moscoso, do que se poden ver os seus carteis máis vangardistas e psicodélicos que realizou para bandas como Jefferson Airplane ou Grateful Dead, así como os 14 números da revista “Zap Comix”
A alcaldesa e presidenta do padroado da Fundación Seoane, Inés Rey, inaugurou esta mañá a exposición “Moscoso Cosmos: O universo visual de Victor Moscoso”, producida pola Fundación Seoane, o MUSAC
de León e o Centro Niemeyer de Avilés, co fin de achegar un dos deseñadores gráficos máis orixinais e influíntes do século XX na maior retrospectiva que se fixo até hoxe del. A rexedora destacou a ampla selección de obra do creador nado en Vilaboa en 1936, que se trasladou á cidade de Nova York en 1940 xunto aos seus pais para se converter en todo un referente desta arte. A rexedora sinalou o carácter
vangardista da mostra, non só no sentido de excelencia, senón tamén polo seu interese popular. Rey indicou que é moi posible que por esta cuestión visiten a mostra moitas persoas, “atraídas pola súa relación cos movementos contraculturais dos anos 60 e moi especialmente co mundo do rock, onde Víctor Moscoso exerceu de cartelista de bandas míticas como Jefferson Airplane ou Grateful Dead, liderada por Jerry García, fillo de coruñeses”.
Neste punto, engadiu que a idea deste goberno pasa por abrir a cultura a moitos públicos sempre desde a excelencia e remarcou a cantidade de artistas  coruñesas/es que brillaron en todos os grandes momentos da historia cultural arredor do mundo: “Non podemos deixar que esa riqueza quede fóra do radar
cidadán”. Deste xeito, aseverou que “cremos nunha cultura que mesture a proximidade coa ambición universal. A Coruña é un foco cultural de primeira categoría e nesa liga imos xogar”.
A exposición, que se poderá desfrutar até o 10 de outubro e itinerará despois a León e Avilés, reúne a célebre serie de carteis de rock psicodélico realizados en apenas oito meses, entre 1966 e 1967, e os catorce números da revista underground “Zap Comix”, editada ao longo de 40 anos con artistas como Robert Crumb ou Rick Griffin. Xunto a estes dous eixos, inclúese outra selección de carteis, cubertas de
discos, cómics, ilustracións para libros e revistas, animacións e fotografías biográficas que completan un percorrido marcado por imaxes icónicas da segunda metade do século XX.
Comisariada por David Carballal, a mostra xunta a obra gráfica orixinal de Victor Moscoso -pertencente na súa maior parte á colección do Concello da Coruña, coas súas animacións e carteis cinéticos, ademais doutros elementos que axudarán a comprender as súas aportacións e o seu método de traballo.
TRAXECTORIA
Trátase dunha grande oportunidade para coñecer a fonda pegada do cullerdense, que se forma no Industrial Art Institute de Manhattan, na escola Cooper Union e na Escola de Arte da Universidade de Yale, onde é alumno de Josef Albers. Atraído polo movemento beat, Victor Moscoso viaxa á costa oeste, onde a súa actividadem como deseñador gráfico dá un xiro feliz e inesperado. A finais de 1965 xorde en San Franciso o movemento psicodélico, aparellado a unha nova escena visual con xente coma Wes Wilson, Alton Kelley ou Stanley Mouse. Durante oito meses, crea dous o tres carteis por semana inspirado nos eventos programados polas salas The Avalon Ballroom ou The Matrix.
A súa linguaxe arriscada baseada na rotulación distorsionada e ilexible, as imaxes descontextualizadas e o contraste cromático agresivo pon en xaque ao deseño gráfico moderno tal e como se coñecía até entón. Máis tarde, introdúcese no cómic underground para traballar na revista “Zap Comix”.
En 2017 Victor Moscoso recibe o premio Augustus Saint-Gauden de Cooper Union e en 2018, a medalla AIGA. Mestres como Milton Glaser considérano “o máis orixina e enxeñoso dentro do xénero” e a súa obra revísase constantemente en novas exposicións, antoloxías e ensaios. Considérase a si mesmo un “artista comercial”, pero é difícil imaxinar a un creador actuando con maior liberdade. Aos seus 84anos, Víctor Moscoso segue debuxando, facendo collages e pintando nun pequeno estudo no Val de San Xerónimo, en California.