A Concellaría de Economía e Facenda logra rebaixar o tempo de pagamento ás empresas á quinta parte dende 2010
O concelleiro de Economía e Facenda, Roberto Coira,
presentou esta mañá o dato definitivo do período medio de pagamento a provedores de 2014 que entón alcanzaba os 76,47 días, que se situou nos 16 días, o que supón rebaixar a quinta parte o tempo que se necesitaba en 2010 para aboar as facturas.
O Goberno local cumpre coas súas obrigas cos provedores como así se desprende da documentación presupostaria e financeira municipal correspondente ao ano 2014. O período medio de pagamento correspondente ao mes de decembro sitúase en 16 días, o que supón mellorar as previsións marcadas inicialmente polo Concello, que era de 30 días.
O concelleiro de Economía e Facenda destacou que o Goberno municipal logrou reducir de xeito paulatino o período medio de pagamento: Pasamos dos 76,47 días en 2010 a 39 días en 2013, 28,88 días o pasado mes de novembro e, finalmente, aos 16 días en decembro”, destacou Roberto Coira. Deste xeito, o dato de decembro supón rebaixar a quinta parte o período medio de pagamento recollido na Conta Xeneral de 2010, o último ano completo do goberno bipartito.
“Segundo a actual lexislación, un concello debe conformar a factura nun prazo de 30 días unha vez entra por rexistro; pagala logo noutros 30 días; e, a maiores, establécese un período de graza doutros 30 días. É dicir, que entre que se conforma e se paga poden pasar ata 90 días. E segundo o dato de decembro, se fai en só 16 días, sinalou Coira.
O Concello puido acollerse o ano pasado á ampliación do pagamento das liquidacións negativas dos tributos do Estado de 2008 e 2009, que entre os requisitos para solicitar esta ampliación se encontra precisamente cumprir o período de pagamento a provedores. Con esta redución do tempo de pagamento, o Concello quere evitar o acontecido en 2012, cando foi necesario solicitar un préstamo de 7,05 millóns de euros para facer fronte ao pagamento de facturas que quedaron pendentes de aboar por parte dos anteriores responsables municipais.
FACTURACIÓN ELECTRÓNICA
O concelleiro de Economía e Facenda informou de que, dentro deste compromiso de estar máis preto do cidadán e de axilizar o pagamento aos provedores municipais, o Concello
puxo en marcha o 15 de xaneiro o uso da facturación electrónica para empresas (sociedades anónimas, de responsabilidade limitada e unións temporais de empresas), aínda que o resto de cidadáns e sociedades tamén poden acollerse a esta iniciativa de xeito voluntario.
A través da dirección https://face.gob.es, no apartado Consulte o directorio de unidades, as empresas poden identificar os distintos niveis da organización municipal aos que deben dirixir as facturas (oficina contable, órgano xestor e unidade tramitadora). Este enlace proporciona non só a información necesaria para a remisión e consulta das facturas presentadas, senón tamén a axuda precisa para a solución de incidencias.
Esta nova ferramenta de traballo súmase a outras medidas que avalan os pasos logrados cara a unha mellor xestión municipal. Así, a plataforma de facturación electrónica é un paso máis no uso das novas tecnoloxías para axilizar a tramitación dos expedientes administrativos, como ao longo deste mandato foron o Rexistro Central de Facturas e a Firma Electrónica, o que favorece a operatividade da administración e reduce o prazo de pagamentos, ofrecendo máis garantías para os provedores porque o sistema de tramitación segue unha pauta máis lóxica e, sobre todo, máis coordinada entre os distintos departamentos municipais. Neste sentido, Roberto Coira detallou que, a través da tramitación electrónica de gasto, se computaron un total de 22.996 expedientes e 45.830 documentos de firma electrónica.
PLAN DE PAGAMENTO PERSONALIZADO
O concelleiro de Economía e Facenda aproveitou para avanzar que o Goberno local levará ao próximo pleno municipal, previsto para o 9 de febreiro, a aprobación das modificacións incluídas na Ordenanza Xeral de Recadación e que supoñen unha mellora considerable pois ofrecen ao contribuínte máis facilidades á hora de pagar os seus impostos.
A principal novidade é o Plan de Pagamento Personalizado, pois grazas a esta fórmula os contribuíntes terán a posibilidade de realizar pagamentos anticipados e fraccionados da maior parte dos tributos de cobramento periódico en 2, 3 ou 5 prazos. En concreto, dentro do afán por achegar a administración ao cidadán, cinco impostos municipais -sobre bens inmobles (IBI), sobre actividades económicas (IAE), sobre vehículos de tracción mecánica (IVTM), sobre a taxa de prestación do servizo de recollida de lixos industriais, e sobre a taxa pola entrada de vehículos dende a vía pública a edificios, locais e solares (vados)- poderanse fraccionar en tres modalidades:
. 2 cotas (a pagar o 1 de marzo e 1 de outubro).
. 3 cotas (a pagar o 1 de marzo, 30 de xuño e 1 de outubro).
. 5 cotas (a pagar o 1 de marzo, 30 de abril, 30 de xuño, 31 de agosto e 1 de outubro).
Para acollerse ao Plan de Pagamento Personalizado, as persoas interesadas terán que presentar a súa solicitude por vía presencial (Rexistro Xeral ou nas oficinas municipais de atención ao cidadán) ou por vía telemática (Rexistro Electrónico e técnicas de telecomunicación que están á súa disposición) e indicar a conta bancaria na que queren domiciliar os seus recibos.