Saturday 16 de November de 2024

O Concello de San Sadurniño e a Casa do Mel abren o prazo de inscrición no curso anual de iniciación á apicultura


Hai que anotarse contactando co Concello ata o 26 de abril

A área de Desenvolvemento local suscribe todos os anos un convenio de colaboración coa asociación apícola Casa do Mel que contempla tanto o mantemento do colmear didáctico da Cortiña como as visitas guiadas e mesmo a impartición de cursos sectoriais. O ano pasado a formación quedou interrompida por causa da pandemia, pero neste 2021 en que parece que as cousas van algo mellor o Concello e máila entidade volveron programar para os días 1, 2, 8 e 9 de maio unha actividade de iniciación á apicultura que o tocará todo, desde o coidado e mantemento das colonias de abella até o procesado do mel. Para participar neste curso farán falla un mínimo de 10 inscricións e como tope fixouse a cifra de 25 participantes. O último día para apuntarse é o 26 de abril mandándolle un correo a agustin.perez@sansadurnino.gal ou chamando ao 616 332 919 en horario de mañá de luns a venres.

O curso é totalmente gratuíto para a veciñanza empadroada en San Sadurniño e para as persoas asociadas á Casa do Mel, mentres que o resto de participantes deberán pagar o primeiro día unha matrícula de 40€. As sesións están programadas para as dúas primeiras fins de semana de maio -días 1 e 2 e 8 e 9- en horario de 9.00 a 14.00h.

O curso está orientado a persoas que queiran empezar a pastorear abellas ou que teñan certo interese no mundo apícola. Neste sentido, os contidos irán desde unha introdución xenérica sobre a bioloxía dos enxames, a figura da persoa apicultora e o funcionamento das colmeas, ata cuestións máis técnicas que se irán abordando paso a paso.

A teoría impartirase na Casa da Cultura, pero tamén se verán contidos prácticos no colmear didáctico da Cortiña, como por exemplo a instalación do apiario, a flora máis axeitada para a produción de mel -as diferenzas de cor e sabor segundo o tipo de alimentación- e as prácticas de reprodución dos enxames. Tamén se facilitará información sobre a saúde das abellas e, principalmente, sobre como protexelas da avespa asiática, da varroa e da loque.

O último día, o domingo 9 de maio, a formación trasladarase ás instalacións da Casa do Mel, en Goente, onde se poderán ver os produtos principais e subprodutos que se poden sacar da colmea, como por exemplo o mel, o pole, a própole, a xelea ou a cera. O persoal deste centro dedicado integramente á difusión da cultura apícola explicará, ademais, os procesos de colleita, de envasado e de comercialización de cada produto.

Máis cousas sobre apicultura o día 16 de maio
As persoas amantes das abellas aínda terán unha oportunidade de aprender máis cousas sobre este apaixoante mundo no marco do ciclo de charlas “Apostando polo sector primario” que organiza o Concello os días 14, 15 e 16 de maio. Na última xornada do programa -do que informaremos proximamente- virá por San Sadurniño o veterinario especializado en apicultura Carlos Marín Barcáiztegui para ofrecer unha charla sobre o problema da varroase, os sistemas de diagnose e os puntos críticos do seu tratamento, ademais de repasar as principais enfermidades da cría das abellas e as estratexias para previlas.

A a sesión desenvolverase de 10 a 12.00h. do domingo 16 de maio -véspera do festivo das Letras Galegas- e na súa segunda parte centrarase nos aspectos máis salientables que cómpre ter en conta na xestión dunha explotación profesional ou que pretenda avanzar cara a esa profesionalización.

Esta charla -igual que as dos dous días anteriores- terá o aforo limitado a 25 persoas e tamén requirirá inscrición previa no 616 332 919 ou en agustin.perez@sansadurnino.gal.

Por último, o Concello xa adianta que tanto “Apostando polo sector primario” como o desenvolvemento do curso de apicultura está condicionado á situación sanitaria e ás restricións de obrigado cumprimento que sexan de aplicación nese momento.