Saturday 16 de November de 2024

A Xunta convoca unha nova orde de axudas para emendar máis de 300 impactos paisaxístos dotada cun millón de euros


A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda avanza que o DOG publica hoxe a resolución pola que se convoca por primeira vez esta liña de incentivos, dirixidos a particulares cun axuda máxima de 3.000 euros por proxecto

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, destacou esta mañá que por primeira vez a Xunta convoca unha orde de axudas para emendar e corrixir máis de 300 impactos paisaxísticos nos concellos galegos, á que destina 1 millón de euros.

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a primeira convocatoria dunha nova liña de incentivos para que os cidadáns leven a cabo pequenas intervencións nas vivendas e inmobles da súa propiedade, co obxectivo de mellorar visualmente a edificación e evitar un punto de impacto na contorna na que se asentan.

Así o adiantou a conselleira de Medio Ambiente durante a visita a unha vivenda en Trazo, co fin de poñer de relevo o tipo de intervencións que se poden acoller a esta orde de axudas e, sobre todo, o tipo de erros paisaxísticos que se queren evitar ou reducir.

Explicou que a partir de mañá e ata o 31 de maio, os particulares ou comunidades que desexen acollerse a esta liña de axudas poden presentar a súa solicitude, que cubrirá o 70% do importe global da proxecto de mellora paisaxística, que poderá incluír unha ou varias actuacións, e que, en todo caso, non superará os 3.000 euros por solicitude.

Aos interesados só se lles porá unha condición: a actuación deberá adaptarse aos criterios que fixan a Guía de cores e materiais de Galicia e a Guía de boas prácticas de caracterización e integración paisaxística.

Así, aquelas persoas que desexen cambiar un tellado ou mellorar o aspecto da medianeira do seu edificio poden pedir axuda para o tratamento da mesma; no caso de que unha persoa teña a fachada da súa vivenda con ladrillo á vista tamén pode solicitar unha subvención para revistar e pintar a fachada, así como para cambiar a tonalidade da pintura e renovar o exterior, seguindo a solución que a Guía de cor propón para a súa contorna.

Engadiu que tamén son actuacións obxecto desta subvención o acondicionamento e mellora de peches de fincas de gran dimensión, mediante a substitución de muros opacos por cachotería tradicional ou sebes vexetais; ou revestimento de muros de cerramento realizados con bloques de formigón.

A conselleira explicou que co esforzo e a implicación de todos se pode incrementar o valor patrimonial dos inmobles e, por suposto, da paisaxe de Galicia. Nese sentido, a Xunta quere -coa convocatoria destas axudas- animar aos galegos a levar a cabo este tipo de intervencións, axudándolles a asumir o custe que implica, e para o que deberá seguir unha tramitación fácil e simple, posto só deberán presentar unha pequena memoria explicativa da actuación, unha reportaxe fotográfica, a factura da actuación e a xustificación do pago.

Así mesmo, invitou aos concellos, a administración máis próxima aos cidadáns, a colaborar nas xestións e trámites que son da súa competencia, como axilizar as autorización de carácter municipal que sexan necesarias para o desenvolvemento deste tipo de actuacións; así como divulgar a información relativa a esta convocatoria de axudas entre os posibles beneficiarios.

En definitiva, a paisaxe é un elemento fundamental da calidade de vida das persoas e por iso tamén debe ser o fiel reflexo dun territorio e dun medio ambiente de calidade, así como dunha sociedade moderna consciente da importancia do seu patrimonio natural e cultural, defendeu a conselleira; ao tempo que destacou o compromiso da Xunta coa protección de todas as formas de paisaxe de Galicia.