O marketplace permite que cada empresario introduza os datos de interese do seu negocio // A iniciativa enmarcase no Plan de Reactivación da Concellería de Turismo
O comercio do concello de Padrón incrementa a súa visibilidade a través do marketplace impulsado pola concellaría de Turismo. No mes de setembro o equipo deste departamento lanzou unha nova plataforma online para promocionar os produtos e ofertas dos distintos establecementos de comercio do municipio. Trátase dunha iniciativa incluída no Plan de Reactivación do Turismo e do Comercio elaborado pola Concellería de Turismo de Padrón para os anos 2020 e 2021, tendo en conta o Plan de Acción Padrón 2017-2022.
“Animo a todas as persoas que dirixen un comercio en Padrón a darse de alta nesta plataforma para mellorar as vendas do seu negocio, posto que deste xeito poderán informar a toda a súa posible clientela de todas as ofertas que teñan vixentes e, sen dúbida, fomentarán as compras”, incidiu Lorena Couso, concelleira de Turismo.
Dende o Concello afondan en diferentes propostas para axudar ao tecido empresarial e ao grupo de comerciantes e de hostaleiros da vila a saír adiante ante a crise da pandemia da Covid-19
A nova plataforma, na que os distintos comercios de Padrón poderán anunciar os seus produtos e ofrecerlles un interesante abano de opcións aos seus potenciais clientes, está instalada na páxina web www.padronturismo.gal.
Rexistros no marketplace
A nova ferramenta online xa está dispoñible – https://marketplace.padronturismo.gal/engadir-negocio/ – para que rexistren os seus negocios. Unha vez na web, deberán acceder ao apartado ‘ENGADIR COMERCIO’, e dende aí cubrir o formulario de inscrición así como engadir fotos e información adicional –nome, datos de contacto, actividade, redes sociais, fotografías, horario, promocións, ofertas, etc- para que, posteriormente, se valide por parte da Oficina de Turismo.