A alcaldesa asiste á gala de entrega de premios da XIX edición dos Mestre Mateo na que o actor, dramaturgo e director teatral Manuel Lourenzo recibe o premio de honra Fernando Rey pola súa traxectoria profesional
Na pasada inauguración da II Semana do Cinema galego, organizada polo Concello da Coruña e a Academia Galega do Audiovisual e na que se proxectaron algún dos filmes finalistas dos Mestre Mateo, a alcaldesa, Inés Rey, recalcaba a gran calidade do cinema galego e o importante e transcendente papel do sector audiovisual na cultura galega como sector estratéxico. A rexedora afirmaba que a intención do Goberno local é que a Semana do Cinema Galego se converta nun punto de encontro profesional en un referente nacional. Para Rey resulta esencial protexer e darlle cobertura aos proxectos culturais locais.
Proba do compromiso do Goberno de Inés Rey co cinema galego é a celebración esta tarde da gala de entrega de premios da XIX edición dos Mestre Mateo no Teatro Colón. Unha celebración na que o actor, dramaturgo, director teatral, Manuel Lourenzo recibe o premio de honra Fernando Rey, en recoñecemento á súa traxectoria e á súa contribución á cultura galega.
A gala conta coa presenza do grupo De Vacas, que é o encargado de poñer música en directo ao espectáculo dirixido por Tito Asorey e presentado por Lucía Veiga. Numerosos rostros populares do audiovisual galego son os encargados de entregar os premios ás gañadoras e aos gañadores nas 25 categorías de premios.