Saturday 16 de November de 2024

Feijóo e o Ministro de Transpotes fixan o principio do verán como data para empezar a aplicar as bonificiacións nas peaxes da AP-9


O titular da Xunta incide na necesidade de avanzar na transferencia da autoestrada, a través da celebración dunha reunión da Comisión mixta, como xa se lle solicitou ao ministro de Política Territorial

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, e o ministro de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, José Luis Ábalos, fixaron hoxe o principio do verán como data para empezar a aplicar as bonificacións nas peaxes da AP-9.

Tras unha reunión mantida esta mañá, na que se deu continuidade á xuntanza celebrada o pasado mes de marzo en Madrid, Feijóo valorou os importantes descontos que se farán efectivos, entre os que destacou: a eliminación da peaxe entre Vigo e Redondela; a bonificación do 100% da viaxe de volta para os usuarios que a fagan dentro das 24 horas; un desconto do 20% na ida para os usuarios que realicen máis de 10 viaxes ida e volta ao mes, ademais da bonificación do 100% no traxecto de volta; así como un desconto para os vehículos pesados e a rebaixa da peaxe entre Vigo e a fronteira portuguesa.

A maiores, o titular da Xunta trasladou ao ministro a posibilidade de aplicar un desconto -ao igual que se fai nas autoestradas de titularidade autonómica- para aqueles vehículos que circulen entre as 00,00 h e as 06,00 h, ademais dunha rebaixa adicional para as familias numerosas.

Así mesmo, incidiu na necesidade de avanzar na transferencia da Autopista do Atlántico, a través da celebración dunha reunión da Comisión bilateral, como xa se lle solicitou ao ministro de Política Territorial; así como noutras actuacións sen completar, entre as que destacou: a licitación das obras do nó de bombeiros de Pontevedra; o impulso á ampliación de capacidade de Alfonso Molina, na Coruña; a necesidade dun estudio de viabilidade para a conversión da autoestrada en tramo urbano na entrada de Vigo; e a conexión da Vía Ártabra coa AP-9.

Durante o encontro, o titular da Xunta e o ministro abordaron tamén a situación do porto da Coruña, logo dos avances acadados na xuntanza mantida no pasado mes de marzo.

Así, unha vez desbloqueada a conexión ferroviaria a Punta Langosteira, Feijóo reiterou o compromiso da Xunta para integrar na cidade os peiraos de Calvo Soleto e Baterías. Con este fin, garantiu a achega do 50% do investimento necesario; ademais da colaboración no deseño do peirao de San Diego.

En relación á situación financeira do porto, o responsable do Executivo autonómico aproveitou o encontro para insistir na necesidade da renegociación da débeda da autoridade portuaria.

Por outra banda, e tras a confirmación da posta en servizo do tren de alta velocidade a Galicia a finais deste ano, Feijóo reclamou tamén concreción tanto no que se refire ao material rodante como aos tempos de conexión.

Sobre este aspecto, valorou a confirmación do investimento de 546 millóns para a licitación da conexión cara a Lugo. E, en relación co AVE Vigo-Porto, ademais dos compromisos acadados sobre a Saída sur e o ramal ferroviario cara a Bouzas, agradeceu a decisión do Ministerio de acompasar as obras ás do treito portugués. “E adquirimos tamén o compromiso de facer unha planificación ferroviaria para que Ferrol non quede fóra dun tren competitivo, tanto desde o punto de vista de proximidade como de media e longa distancia”, engadiu.

No tocante ás intermodais, valorou os avances nas estacións de Santiago, Pontevedra e Vigo e avogou por “acelerar as de Coruña, Ourense e Lugo”.

Co obxectivo de seguir construíndo unha Galicia cada vez máis vertebrada, Feijóo e Ábalos abordaron o desbloqueo este mes do túnel da Cañiza na autovía das Rías Baixas; o proxecto da autovía Vigo-Porriño e o impulso das obras da autovía Santiago-Lugo (A-54). E, no caso da autovía Lugo-Ourense (A-56), paralizada desde 2011, demandou avances nas obras nos tramos de San Martiño-Cambeo e na variante norte de Ourense.

Logo de valorar a próxima celebración dunha conferencia sectorial en materia de vivenda, o presidente da Xunta e o ministro de Transporte comprometéronse a seguir traballando para concretar os investimentos relacionados cos fondos europeos Next Generation.