A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou hoxe xunto co delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, as melloras realizadas no local social da asociación de veciños O Castelo de Oirán de Mondoñedo ao abeiro das axudas do Plan específico de acción comunitaria
A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou hoxe xunto co delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, a asociación de veciños O Castelo de Oirán de Mondoñedo, que recibiu case 12.000 euros para o acondicionamento do seu local na convocatoria do ano pasado das axudas do Plan específico de acción comunitaria.
Natalia Prieto explicou que a través destas axudas, a Xunta busca contribuír a mellorar a calidade da vida local e fomentar e dinamizar o asociacionismo veciñal. Así, incidiu no importante papel destas asociacións para canalizar as demandas da veciñanza e, polo tanto, na necesidade de apoiar os proxectos encamiñados a garantir o seu funcionamento.
As subvencións que concede a Xunta mediante esta orde financian o acondicionamento, reforma e ampliación dos locais sociais das entidades veciñais e de mulleres rurais e a adquisición de material para o seu funcionamento, ademais de proxectos de comunidades de usuarios de augas para a mellora e a reparación de infraestruturas de traídas de auga veciñais por parte.
No caso da asociación de veciños O Castelo de Oirán as actuacións financiadas ao abeiro destas axudas incluíron melloras no acceso ao centro social, así como o acondicionamento dos aseos e o almacén e a instalación dunha escaleira desmontable no espazo entre ambas zonas. En definitiva, medidas para garantir a accesibilidade de tódolos usuarios e contribuír á conservación do inmoble. A Xunta vén colaborando con a asociación mediante esta orde de axudas, cun investimento de máis de 37.000 euros nos últimos catro anos.
A directora xeral de Administración Local lembrou que na convocatoria do 2020 este programa sufragou 190 proxectos na comunidade galega, 29 deles na provincia de Lugo con achegas de 379.400 euros. A Xunta publicou o pasado xaneiro a orde para este exercicio, que mantén o orzamento de 2,5 millóns de euros do ano pasado.
Ademais, a Administración autonómica investiu na última década máis de 1,6 millóns de euros no concello de Mondoñedo, ao abeiro doutras axudas habilitadas pola Xunta para melloras ambientais e en infraestruturas para a prestación de servizos municipais, coa finalidade última de mellorar tamén a calidade de vida dos seus veciños.