O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, asinou hoxe o convenio de colaboración coa ONGD para levar a cabo as iniciativas previstas neste 2021
O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, asinou hoxe coa delegada de Farmamundi en Galicia, Beatriz Villarquide, a renovación do convenio de colaboración entre a Xunta e a ONGD para actuacións de acción humanitaria e de emerxencia neste 2021, a través do que o Goberno galego destinará 50.000 euros.
A Xunta leva destinados nos últimos anos preto de 700.000 euros aos convenios de colaboración con Farmamundi para atender as necesidades máis urxentes das poboacións afectadas por catástrofes de orixe natural ou humano, con especial énfase nos colectivos máis vulnerables, mediante a provisión inmediata de bens e servizos esenciais para a supervivencia, e ademais a paliar o sufrimento das poboacións afectadas por crises de longa duración e desequilibrios crónicos e estruturais, sobre todo en países e poboacións de menor Índice de Desenvolvemento Humano (IDH). Ao igual que o ano pasado, o convenio asinado hoxe permitirá tamén levar a cabo proxectos cos que contribuír a mitigar os efectos da pandemia pola covid-19 e reducir a súa propagación a través do apoio aos sistemas de saúde.
A dotación do convenio e a addenda asinadas o ano pasado –case 79.000 euros- destináronse a financiar operativos de resposta para axudar a previr os contaxios de covid-19 entre en zonas de Uganda, Iemen e Mozambique, así como en comunidades afectadas en Guatemala e Honduras por catástrofes naturais agravadas polas consecuencias da pandemia. Ademais, promoveuse a provisión de medicamentos e material sanitario en varios campamentos de poboación desprazada en Irak e medidas para garantir o acceso á alimentación e a hixiene na Franxa de Gaza e no Líbano.
O convenio de colaboración actívase cada vez que acontece unha emerxencia, previa negociación e solicitude por parte de Farmamundi. A activación destes convenios nos anos anteriores permitiu dar resposta inmediata e coordinada coa Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) e o sistema das Nacións Unidas, a diferentes emerxencias acaecidas, entre elas, os tifóns Ketsana e Haiyan en Filipinas, o furacán Ida no Salvador, o terremoto e a epidemia de cólera en Haití, a crise humanitaria en Somalia e República Democrática do Congo, as emerxencias por causa da choivas no Salvador e Nicaragua, a crise alimentaria no Sahel ou o conflito en Siria e a situación en Palestina.
Esta colaboración entre a Xunta e Farmamundi enmarcase no IV Plan Director da Cooperación Galega, que identifica como ámbito estratéxico de intervención a necesidade de paliar a reducir a vulnerabilidade respondendo ás crises humanitarias con eficacia e calidade. Tamén no Plan Anual 2021 da Cooperación Galega, que neste exercicio conta cun orzamento de case 7,5M€, un 12% máis que en 2020, e que inclúe o compromiso de renovar o convenio asinado hoxe.