Friday 22 de November de 2024

Diego Calvo comprométese a estudar posibles fórmulas de colaboración para que o Museo Terra de Melide estea aberto durante todo o ano


A rexedora solicitou tamén o apoio da institución provincial para rematar as obras da segunda planta da Casa da Cultura

O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, vén de reunirse estes días coa alcaldesa de Melide, Ánxeles Vázquez, para debater acerca dalgúns asuntos que para a rexedora resultan de moita importancia para o seu concello.

Así, Ánxeles Vázquez solicitou o apoio da institución provincial para que o Museo Terra de Melide poida estar aberto durante todo o ano e non pechar tres meses como está sucedendo agora. Ante esta petición, Calvo comprometeuse a visitar nos próximos días as instalacións, co obxectivo de coñecer de primeira man o traballo que alí se realiza e, posteriormente, estudar posibles fórmulas de colaboración que garanten a apertura do museo. Do mesmo xeito, lembrou que nos últimos anos xa se está a colaborar cos responsables deste Museo nos gastos de mantemento e promoción das súas actividades.

Ademais, a alcaldesa tamén solicitou apoio da Deputación para o remate das obras da segunda planta da Casa da Cultura. “Temos actividade continua na Casa de Cultura. Tan só nos resta conseguir axuda para financiar o equipamento e o remate das últimas actuacións pendentes na segunda planta do edificio”, puntualizou a alcaldesa. Con respecto a este asunto, Calvo comprometeuse a valorar a proposta para darlle resposta en canto exista dispoñibilidade orzamentaria.