O Goberno local lembrou que en xullo de 2019 non había practicamente ningunha liña escrita do convenio, “só unhas meras bases, había un mundo e percorremos ese mundo desde agosto de 2019 até novembro do 2020, en que se pechou o texto do convenio que está autorizado”
Tras doce anos de bloqueo institucional para o desenvolvemento da Estación Intermodal da Coruña, deuse hoxe un paso definitivo de cara á que a infraestrutura sexa unha realidade. Durante moitos anos, a falta de diálogo entre as institucións implicadas na Intermodal impediu o avance na construción desta estación, fundamental para garantir a mellora da mobilidade no só da cidade senón de toda a área metropolitana. Hoxe, o Pleno aproba de maneira inicial a modificación puntual do Plan xeral do 2013 que presentou o Goberno Local no sector ferroviario da Estación de San Cristovo (avenida do Ferrocarril), para poder construír a estación Intermodal. Este cambio permitirá adaptar o proxecto de ADIF para a terminal de trens e adaptalo ao proxecto que a Xunta levará a cabo na estación de autobuses.
O Goberno de Inés Rey entende que se trata dun documento clave en materia urbanística para poder levar adiante todo o proceso de implantación da estación Intermodal incorporando todos o elementos técnicos e xurídicos. Este documento técnico de modificación urbanística trata de satisfacer as necesidades de todas as institucións implicadas no proxecto.
O Goberno local lembra que o novo documento reduce a superficie comercial que figuraba no documento de 2009, que pasou de 50.000 m² a 5.100 m². E tamén elimina os 20.000 m²
que antes estaban destinados a vivenda e os 11.000 m² destinados a uso hoteleiro. O concelleiro de Urbanismo, Juan díaz Villoslada, lembra que “o certo é que tras varios mandatos gobernando uns e outros, A Coruña é a ultima das cidades galegas en pór en marcha a Intermodal” e sinala que cando chegaron ao Goberno en xullo de 2019 “non había practicamente ningunha liña escrita do convenio, tan só unhas meras bases pero desas bases a chegar a poder montar todo o armazón institucional entre ADIF, Xunta, Concello e Ministerio de Transporte había un mundo e percorremos ese mundo desde agosto de 2019 até novembro do 2020, en que se pechou o texto do convenio que está autorizado”.
Por outra banda, Villoslada apunta que “este goberno foi é e seguirá sendo capaz de levar adiante o diálogo institucional absolutamente imprescindible coa Administración do Estado e coa Xunta de Galicia, goberne quen goberne, para sacar adiante un proxecto desta complexidade”.
A superficie a maiores para ADIF dedicarase a “usos non ferroviarios pero asociados ao principal ferroviario, de acordo coa lei do sector ferroviario e non alleables”. O Concello obterá 5.800 metros do exterior da estación de trens e construirá un aparcadoiro subterráneo en que poderá reservar 70 prazas para llas alugar á veciñanza.
A modificación urbanística é necesaria para que poida asinarse o novo convenio pendente de ser ratificado entre as tres administracións, á espera de autorización por parte da ADIF, que presentou en febreiro unha proposta en que se detallan máis polo miúdo os usos asociados ao ferroviario e a inclusión de usos lucrativos no ámbito da Intermodal. Deste xeito, queda sen efecto o protocolo que fora asinado entre Concello e a ADIF en 2009.