Monday 25 de November de 2024

O expositor de turismo de Galicia en Fitur recibiu máis de 70.000 visitantes e acolleu 250 reunións de traballo


Nesta edición, o gran protagonista do expositor de Galicia foi o Botafumeiro virtual da Catedral de Santiago que atraeu a máis de 250 profesionais e numerosos visitantes

A directora de Turismo de Galicia comunicou hoxe en rolda de prensa que o expositor de Galicia na Feira Internacional de Turismo de Madrid recibiu máis de 70.000 visitantes durante a 35 edición do certame.

Nava Castro destacou que no expositor de Galicia, que contou cunha superficie de preto de 1.000 m2, estiveron representados todos os entes de promoción locais e provincias da Comunidade galega, así como, o Clúster de Turismo de Galicia.

Segundo explicou a directora de Turismo de Galicia, nesta edición, o gran protagonista do expositor de Galicia foi o Botafumeiro virtual da Catedral de Santiago. “A aplicación virtual deste elemento tradicional e histórico do templo compostelán converteuse nun dos grandes atractivos atraendo a máis de 250 profesionais e numerosos visitantes”, afirmou Nava Castro.

Tal e como sinalou a responsable de Turismo da Xunta de Galicia, no espazo galego houbo tamén cabida para un salón de actos onde se celebraron 30 presentacións das catro provincias galegas, dirixidas aos profesionais do sector e aos medios de comunicación.

Así mesmo, Nava Castro informou que o expositor de Galicia contou cun total de 18 informadores turísticos que atenderon o stand institucional de Galicia na feira distribuindo un total de 200.000 folletos e outro material de promoción de todas as entidades oficiais e privadas que participaron no stand.

En canto á cobertura mediática, Nava Castro sinalou que calcúlase que polo stand de Galicia en Fitur 2015 pasaron arredor de 160 medios de comunicación galegos, españois e internacionais, interesados pola oferta turística galega.

A responsable de Turismo de Galicia destacou tamén o gran éxito do showcooking de cociña galega que ofreceu o expositor no fin de semana no que servíronse máis de 450 racións.

Gran actividade no espazo de traballo do Clúster de Turismo de Galicia
A directora de Turismo de Galicia destacou que o espazo de traballo habilitado polo Clúster de Turismo de Galicia no expositor contou cunha gran actividade durante os días dedicados aos profesionais. En total xestionáronse en torno a 200 novos contactos que buscaban preferentemente información sobre promoción turística e axencias de viaxe.

Así mesmo, neste espazo, desenvolvéronse en torno a 250 citas, xestionadas a través de axenda do Clúster del Turismo de Galicia, Turismo de Galicia e distintas empresas do sector, que empregaron as mesas de traballo para desenvolver os seus encontros profesionais. “Neste senso compre destacar que un gran número de contactos foron axencias que buscaban receptivos e en torno ao 10% deles buscaban información específica do Camiño de Santiago”, explicou Nava Castro.

En canto ao perfil dos contactos, abundaron axencias de viaxe, asociacións, empresas vinculadas ao turismo rural e idiomático así como empresas relacionadas coas novas tecnoloxías como realidade aumentada, desenvolvemento de vídeos, webs e apps específicas para o sector turístico.

No relativo á súa procedencia, aínda que máis dun 70% procedían de España, tamén houbo contactos de carácter internacional, procedentes de EE.UU, China, Madagascar ou Corea, por citar algúns exemplos.

“Sen dubida, Fitur 2015 foi todo un éxito para Galicia e estamos seguros de que froito deste gran traballo continuarán incrementándose neste ano que comezou o número de turistas que escollen como destino Galicia”, concluíu a directora de Turismo de Galicia.

Actos de gran índole para o sector turístico galego
A directora de Turismo de Galicia destacou que, xunto a estas intervencións, Turismo de Galicia estivo presente noutros actos de gran índole.

Deste xeito, Turismo de Galicia participou na entrega dos Premios Excelencias Turísticas onde Turismo de Galicia foi galardoado pola campaña “De Tapas por Galicia” como promotor do turismo urbano, na entrega das Bandeiras Estacións Náuticas, onde Sanxenxo recibiu a dita distinción, no acto de entrega dos premios SICTED, no cal Baiona recibiu o terceiro premio ao “Mellor Destino Sicted 2014”, ou na entrega anual dos diplomas Q de Calidade Turística, onde Galicia consolidouse un ano máis á fronte da clasificación de distintivos Q de calidade para instalacións náutico recreativas, ao contar con trece das 20 recoñecementos a nivel estatal, entre outras actividades de gran interese para a comunidade galega.