A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou hoxe as melloras levadas a cabo na casa consistorial con apoio do Goberno galego
A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou esta mañá o concello coruñés de Betanzos onde se levaron a cabo melloras e acondicionamento nas xanelas no edificio da casa consistorial ao abeiro da Orde de Infraestruturas de uso público, cunha axuda de máis de 30.000 euros.
Segundo explicou a directora xeral, as obras levadas a cabo nas xanelas de madeira existentes no edificio da Casa Consistorial teñen como finalidade evitar un maior deterioro das mesmas permitindo a súa conservación e mellorar a eficiencia enerxética do edificio, polo que se procedeu á restauración das xanelas existentes e a instalación doutra xanela cara ao interior, con características illantes que reduzan as perdas de enerxía no edificio, diminuíndo así o consumo de calefacción.
Ademais, o edificio da Casa Consistorial ten un gran valor arquitectónico, histórico e cultural xa que é un edificio de estilo Neoclásico construído en 1778. Atópase situado dentro do Casco Histórico e está catalogado no Plan Especial de Protección e Ordenación do Casco Histórico.
O Goberno galego mantivo para este ano na convocatoria da Orde de Infraestruturas de uso público o orzamento de 4 millóns de euros do ano pasado despois de incrementalo en 2020 nun millón de euros. A través desta orde, a Xunta financia os proxectos dos concellos galegos para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais.
O investimento do Goberno galego nos últimos anos no concello acada preto dos 260.000 euros entre as melloras en infraestruturas municipais e outros proxectos destinados á protección e conservación do medio ambiente no marco do Fondo de Compensación Ambiental, ao que o Xunta destina este ano 12 millóns de euros. Cabe destacar que o concello de Betanzos dentro do Consorcio As Mariñas xunto a Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros, Sada obtiveron o 1º Premio Coopera Galicia 2012 polo proxecto “Sistema de mellora na eficiencia do servizo de recollida de residuos sólidos urbanos no Consorcio das Mariñas”