Saturday 16 de November de 2024

A visita de Sofía Toro ao CEIP Prácticas inaugura mañá o ciclo Coruña Olímpica


O programa consiste nunha serie de entrevistas a deportistas olímpicos/as coruñeses/as para darlle a coñecer a experiencia deportiva, pero sobre todo a persoal, ao alumnado de varios centros educativos da cidade
O ciclo Coruña Olímpica botará a andar mañá coa visita da regatista olímpica Sofía Toro ao CEIP Prácticas. O programa, impulsado polas concellerías de Deportes e Educación, está dirixido a escolares de 3.º, 4.º, 5.º e 6.º de Educación Primaria de centros educativos públicos e concertados da cidade e consiste nunha serie de entrevistas a través das cales se dará a coñecer a experiencia deportiva, pero sobre todo a persoal das e dos deportistas de elite coruñeses.
O 15 de abril Victorino González visitará o CEIP Anxo da Garda, o 22 de abril Roberto Naveira visitará o Fogar de Santa Margarida, o 29 de abril Indalecio Iglesias visitará o CEIP Juan Fernández Latorre, o 6 de maio Andrés Díaz o Colexio Plurilingüe Esclavas, o 12 de maio Francisco “Pucho” Boedo o CEIP Alborada, o 13 de maio Chuny Bermúdez de Castro o CEIP Wenceslao Fernández Flórez e o 20 de maio Paula Medín o CEIP Juan Fernández Latorre.
O edil de Educación, Jesús Celemín, sinalou que o ciclo “é unha ferramenta moi importante para promocionar o deporte e educar en valores olímpicos e deportivos”.
A titular de Deportes, Mónica Martínez, lembrou que “a pandemia roubounos os Xogos 2020, pero non o talento das e dos deportistas coruñeses que participaron ao longo da historia dos xogos”.