Ademais, o Goberno local aprobou axudas en materia social por valor de 430.000 euros coa finalidade de fortalecer o movemento asociativo que traballa na cidade pola igualdade de xénero, a diversidade e a reinserción social
A alcaldesa, Inés Rey, anunciou hoxe a adxudicación de tres proxectos bloqueados desde hai anos. Trátase de dous proxectos de Mobilidade, cofinanciados cos fondos FEDER, que permitirán a conexión peonil de Pocomaco, o aumento da frota de BiciCoruña, e a reforma do Centro Municipal Asociativo Domingo García Sabell, pechado desde 2014. Os tres están incluídos dentro das partidas europeas e
implicarán un investimento na cidade de preto de 3 millóns de euros.
Rey sinalou que o Goberno local avanza en proxectos que suporán unha mellora substancial para a cidade e que levaban moito tempo bloqueados: “Damos pasos firmes na consolidación dunha cidade inclusiva que non deixa a ninguén atrás, comprometida coa mobilidade sostible e damos unha mostra máis de capacidade de xestión desbloqueando proxectos pendentes dende hai 7 anos”.
Por unha parte, aprobáronse dous proxectos moi relevantes dentro das liñas estratéxicas do Goberno local na súa aposta pola mobilidade sustentable. O primeiro é a adxudicación das obras do acceso peonil e do carril bici que unirán Novo Mesoiro con Pocomaco e O Birloque, orzamentadas en 352.000 euros, que permitirá crear un acceso para persoas viandantes e bicicletas mediante a execución dun paso inferior baixo a vía do ferrocarril respondendo a unha demanda histórica da Federación de Asociación de Veciños da Coruña. “Este proxecto responde á idea de cidade que temos, en que apostamos pola
mobilidade branda e por non deixar illado a ningún barrio. Queremos que todos teñan equipamentos básicos para poder facer vida neles”, dixo.
A alcaldesa tamén anunciou que, tal e como se comprometera, sácase adiante a contratación por un importe de 1.792.030 euros de novas bicicletas para BiciCoruña, que conformarán unha frota total de 514 unidades repartidas polas 55 estacións (32 delas serán novas), postos de ancoraxe, e sistemas tecnolóxicos de software de xestión do servizo de bicicletas municipal. “Ademais a empresa comprométese a pór en marcha unha ferramenta de medición que permitirá o seguimento da redución anual de gases de efectos invernadoiro”, explicou.
E, por último, dixo, reforzaremos o tecido asociativo da cidade mellorando as condicións do Centro Municipal Asociativo Domingo García Sabell, pechado desde 2014, onde teñen a súa sede distintos colectivos da Coruña. A reforma terá un custo de 521.000 euros e tras esta, a superficie do edificio de 633 metros cadrados repartirase en catro locais independentes. Serán espazos diáfanos e versátiles e funcionarán de maneira autónoma, sen a necesidade de dotalos de servizos comúns. A rehabilitación deste inmoble implicará unha mellor calidade no servizo que realizan as distintas asociacións que están instaladas alí. “Un proxecto pendente dende hai máis de sete anos que desbloqueamos e poñemos en
marcha; coa recuperación deste centro cumprimos cun compromiso do Partido Socialista que instou en numerosas ocasións os diferentes gobernos a abordar a súa reforma” subliñou a alcaldesa.
Axudas
Por outra banda, destacou as medidas aprobadas en materia social coas que o Goberno local busca fortalecer o movemento asociativo que traballa na cidade pola igualdade de xénero e a diversidade. Aprobouse unha convocatoria de subvencións de 150.000 euros para apoiar as entidades na promoción da igualdade e inclusión social atendendo ás diversidades existentes e á prevención das violencias machistas.
A alcaldesa destacou a implicación de todas as entidades que traballan día a día para construír unha Coruña máis solidaria e inclusiva, e subliñou a importancia de poñer en Nota de Prensa marcha programas que sirvan para integrar a persoas en risco de inclusión social. “É necesario desenvolver proxectos para a diversidade, darlles aos distintos grupos sociais as ferramentas coas que favorecer a súa inclusión”, dixo.
O importe global das subvencións é de 150.000 euros: Liña 1: fortalecemento do movemento asociativo: 90.000 euros. Liña 2: actividades de prevención das violencias machistas e atención ás vítimas; accións pola defensa do recoñecemento e os dereitos das persoas LGTBQI, e accións de promoción da igualdade de xénero: 60.000 euros.
E tamén se aprobou unha convocatoria de axudas por importe de 100.000 euros parasubvenciones ás entidades que desenvolven actividades ou proxectos de promoción e reinserción social, e o convenio de colaboración entre o Concello e o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar que ten como finalidade financiar o funcionamento e a xestión dos centros de día de Eirís e Monte Alto, por un importe de 180.000 euros. “Un total de 430.000 euros que teñen como finalidade non deixar a ninguén atrás neste momento tan complicado e que se veñen a sumar aos 3,8 millóns destinados a entidades sociais e sanitarias aprobados a través dos convenios nominativos e que mostran o compromiso social deste Goberno”, subliñou Rey.
E como novidade, a alcaldesa informou de que a Concellería de Deportes acaba de solicitarlle a Demarcación de Costas a ocupación temporal a modo de concesión do miradoiro de Berbiriana, antigo terreo dos Mariños, para instalar alí escolas municipais de surf e de deportes vinculadas ao mar. A iniciativa consistirá en reformar os locais existentes e instalar baños, duchas, vestiarios e almacéns de cara a destinalos a promocionar estes deportes marítimos. O Goberno, dixo, pretende fomentar a súa práctica a través de campus, cursos e actividades relacionadas co mar que se darían neste punto, en que as e os coruñeses comezaron a facer surf.