Saturday 16 de November de 2024

O Concello de Fene volverá demandar da Deputación a mellora da seguridade nas travesías da Armada e do Pombal-O Castro


O Goberno local solicita unha xuntanza con Valentín González Formoso para abordar, entre outros asuntos, actuacións que ofrezan maior seguridade peonil nos núcleos de Maniños e Barallobre polos que pasan dúas vías de titulariedade provincial

O Goberno local de Fene acaba de solicitar un encontro formal co Presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, co obxectivo de volver pedir do ente municipal unha solución definitiva para a seguridade do tráfico e peonil nas estradas DP-3503 e DP-3501 ao seu paso por Barallobre e Maniños. Para a DP-3503 que sobe desde Barallobre até Magalofes precisaríase unha senda peonil -ou outra alternativa- que arranque na zona do Pombal (xusto despois da pista de atletismo) e que continúe polo menos até o acceso ao cemiterio municipal, pasado o lugar do Castro. Por outra banda, na DP-3501 que atravesa o lugar da Armada, en Maniños, farían falla beirarrúas ou unha cuneta transitable, ademais do pintado da estrada, aínda pendente desde a finalización das obras de reparación efectuadas no verán pasado. En ambos casos a demanda municipal destas melloras é un recordatorio, xa que a Deputación se comprometeu en ocasións anteriores a levar a cabo actuacións nese sentido que, finalmente, ou non se executaron ou quedaron a medias.

Tanto en Maniños como en Barallobre o problema é o mesmo: dúas estradas de titulariedade provincial que soportan un tráfico intenso, que cruzan núcleos de poboación sen beirarrúas e con vivendas en ambas marxes moi próximas ao borde da calzada.

A DP-3501 que atravesa A Armada, en Maniños, soporta circulación de entrada e saída cara ao CEIP Prurilingüe Os Casais e, ademais, é un dos pasos obrigados para acceder á Vía de Alta Capacidade -e ao polígono do Vilar do Colo e a AP-9- desde a estrada da Palma.

A Deputación renovou o ano pasado o aglomerado do trazado cun investimento de superior aos 220.000 euros que, porén, a día de hoxe segue sen sinalización horizontal. Ademais, o novo firme elevou varios centímetros a altura da plataforma con respecto ao nivel das vivendas, algo que pon en perigo o seu uso tanto por parte dos peóns como do tráfico rodado.

A solución proposta polo Concello (e acordada coa Deputación ata en dúas ocasións) pasaría por construír polo menos unha senda peonil en “V” que lles evitase aos peóns ter que acceder á calzada e que tamén axudase a canalizar a auga da chuvia.

Unha situación moi parecida repítese na DP-3503 que vai desde a estrada da Palma até San Marcos atravesando de leste a oeste case todo o territorio municipal. Un dos puntos críticos é o tramo duns 500 metros comprendido entre as pistas de atletismo de Barallobre -onde rematan as beirarrúas- ata pasado o lugar do Castro, preto xa do acceso ao cemiterio municipal.

Aquí tamén se pediu en reiteradas ocasións nos últimos anos a execución dunha senda que ofrecese maior seguridade para tráfico e peóns, algo que si se fixo na zona próxima á igrexa de San Xurxo, en Magalofes, pero que segue pendente nesta zona de Barallobre afectada pola circulación cara ao camposanto e á N-651.

Ademais varios metros máis abaixo tamén agardan a súa execución outras medidas de seguridade para o alumnado do instituto “comprometidas pola Deputación tempo atrás”, tal e como recorda o alcalde, Juventino Trigo.

O Goberno local considera que a estrada de Barallobre e a da Armada precisan “solucións urxentes que a Deputación quedou en dar varias veces sen que por agora se concretasen”, comenta Trigo. O rexedor fenés cursou hai uns días a solicitude formal dun encontro con Valentín González “para tratar este e outros asuntos de interese municipal”. Á xuntanza co presidente provincial -que aínda non ten data fixada- tamén asistirán canda a Trigo o responsable de Urbanismo, Manuel Polo, e a de Obras, Mar Piñeiro.