Os peiraos deportivos que contan co distintivo son os de Cabo de Cruz (Boiro), Portonovo (Sanxenxo), Sada, Ribeira, Ares, Pedras Negras (O Grove), Nauta Sanxenxo, Vigo, Cangas, Ribadeo, Club Náutico Sanxenxo e Portosín (Porto do Son)
Galicia ratifícase como líder nacional da clasificación de distintivos Q de Calidade ás instalacións náutico recreativas. Os portos galegos suman actualmente 13 dos 20 distintivos a peiraos deportivos outorgados polo Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE) en toda España.
Os xestores das instalacións náutico recreativas que ostentan este galardón veñen de recibir a súa certificación na Feira Internacional de Turismo Fitur, en Madrid. En concreto trátase das entidades encargadas da xestión dos portos deportivos de Cabo de Cruz (Boiro), Portonovo (Sanxenxo), Club Náutico de Sada, Ribeira, Ría de Ares, Pedras Negras (O Grove), Nauta Sanxenxo, Real Club Náutico de Vigo, Cangas, Ribadeo, Club Náutico de Sanxenxo e Portosín (Porto do Son).
Todos os clubes merecedores da Q de Calidade pertencen á Asociación de Clubes Náuticos de Galicia, Asnauga, que impulsou a obtención destas certificacións coa colaboración de Portos de Galicia. O presidente do ente público, José Juan Durán, trasladou aos clubes a súa felicitación polo traballo realizado para a consecución deste galardón. Esta norma de calidade, pioneira no ámbito específico das instalacións náutico recreativas, establece uns requisitos que definen o nivel de servizo ao cliente, incrementando o valor engadido da propia instalación e impulsando o seu atractivo turístico.
As certificacións de calidade na prestación de servizos dos portos galegos únense ao recoñecemento ambiental que recibiu a comunidade autónoma o pasado verán ao ser galardoada con 17 Bandeiras Azuis aos Portos de Galicia.
Na actualidade, estanse a desenvolver en Galicia programas de calidade turística, dentro da marca Q nos subsectores turísticos relativos a hoteis, Turismo Rural, restaurantes, axencias de viaxes, cámpings, balnearios, servizos de restauración, espazos naturais protexidos, praias, axencias de viaxes, pazos de congresos, Turismo Activo e instalacións náuticas; programas nos que participan varias empresas turísticas galegas, das que 203 contan xa co distintivo Q de Calidade.