Friday 22 de November de 2024

O Concello de Moeche solicita a adhesión ao Convenio entre FEGAMP e Xunta de Galicia para o programa galego de control da vespa velutina 2021


Este sábado ofrecerá, ademais, un obradoiro de construción de trampas para concienciar sobre a importancia das capturas de primavera

 

A presenza da vespa velutina, especie invasora perigosa, non cesa de medrar desde as primeiras épocas da súa aparición no noso entorno. Supón unha seria ameaza para a apicultura, a produción agrícola e o medio ambiente en xeral así como para as persoas. Moeche, como moitos concellos, vese afectado por este problema.

O Concello de Moeche solicitou un ano máis, como fixera no 2020, a adhesión ao Convenio entre a Xunta de Galicia e a Fegamp para a coordinación de actuacións no desenvolvemento do Programa Galego de Vixilancia e Control fronte á Vespa Asiática (Vespa Velutina) de novo para o ano 2021, como ferramenta para combater esta situación.

Por outro lado, a Delegación de Ferrolterra de Asociación Galega de Apicultura (AGA) pídelles aos concellos da comarca que animen á veciñanza a través dun bando a colocar trampas entre marzo a finais de maio, o ben de setembro a decembro, época que comprenden dende o nacemento de novas raíñas á súa hibernación. A Alcaldía sumouse a esta petición e ditou o correspondente bando que se pode consultar máis abaixo,

As velutinas producen centenares de nais por cada niño e, polo tanto, multiplícanse con rapidez. Adoitan abandonar o seu letargo de inverno na época de primavera e de aí que sexa fundamental procurar reducir a formación de niños xusto nesta época. Desenvolver un trampeo xeral, ben con aparellos comerciais ou ben de fabricación caseira, coincidindo coa fase de construción e actividade do niño primario, permitirá capturar raíñas e, polo tanto, é unha das medidas máis efectivas para reducir o elevado número de niños que se forman ao longo do ano.

Por esta razón o Concello organiza para este sábado 10 de abril unha charla-obradoiro informativa sobre a Vespa velutina grazas á colaboración dun veciño ligado profesionalmente a este sector e con ampla experiencia na materia. O obradoiro levarase a cabo na nave do Mercado de Moeche, ás 12h da mañá, e permitirá a todos os asistentes coñecer un pouco máis sobre o ciclo de vida desta vespa, as recomendacións para a elaboración e colocación das trampas en cada época do ano e o procedemento a seguir ao atopar un novo niño.

Por mor da situación sanitaria as prazas serán limitadas polo que será necesaria a incrición previa, chamando ao 981404006 ou enviando un correo electrónico a correo@moeche.gal indicando nome, apelidos e teléfono de contacto.