Saturday 16 de November de 2024

O Concello de Moeche pide unha solución para os problemas de calendario da ITV agrícola


O Goberno local propón unha ampliación de entre dous e tres meses da validez das inspeccións que expiran a finais deste ano para que os reaxustes do calendario non repercutan nos usuarios

En 2020, a raíz do primeiro Estado de Alarma, SYC-ITV Applus+ suspendeu as inspeccións das unidades móbiles que se desprazaban ao rural para pasarlle a revisión aos tractores e outra maquinaria agrícola. A suspensión foi acompañada dunha ampliación da validez da ITV ata que en decembro -no caso de Moeche- se retomou o calendario. Agora a ITV anuncia que volverá polo noso concello dentro dun mes -habitualmente viñan en marzo- e ademais engade que non regresará de novo até marzo ou incluso abril de 2022. Este reaxuste supón que os tractores obrigados a revisión anual que foron inspeccionados a finais do ano pasado terían que volver a San Ramón en maio -é dicir, pasar e pagar a itv dúas veces en pouco máis de cinco meses- ou ben acudir á estación de Ferrol en decembro, con todo o que iso implica en gasto e tempo. Ademais, quen non faga nin unha cousa nin a outra botaría desde decembro de 2021 até marzo/abril de 2022 coa itv caducada, expoñéndose a sancións e a problemas de cobertura do seguro no caso de accidentes. A situación é unha enguedellada que require, segundo o Concello, unha solución inmediata. Por este motivo hoxe mesmo cursáronse solicitudes formais á concesionaria, á Xunta e á Delegación do Goberno, para que se valore ampliar en tres meses máis a validez das revisións que venzan en decembro, o que permitiría recuperar o calendario e os prazos pre-COVID sen causarlle prexuízos ás persoas usuarias.

Nos escritos tramitados esta mañá polo Concello indícase que o cambio na data habitual das revisións e o aviso de que a unidade móbil non volverá até marzo ou abril de 2022 “causa un prexuízo para a veciñanza de Moeche e de concellos limítrofes pois dalgún xeito obriga a aboar a taxa da ITV dúas veces nun curto período de tempo de 5 meses”.

Ademais, engade o escrito, ter que asumir eses importes nun intervalo tan breve “resulta máis preocupante dada a situación económica de moitas familias e nuns tempos en que todas as Administracións, incluídas as máis pequenas como a nosa, estamos a esforzarnos en aprazar pagamentos, establecer liñas directas de axudas ou nalgún caso rebaixar taxas”.

As solicitudes municipais alertan dun inconveniente a maiores, xa que se ben é certo que as persoas que pasasen a revisión en decembro de 2020 poderían agardar a decembro de 2021 “a realidade é que nese caso estarían obrigadas a trasladar os seus tractores, remolques ou cisternas a outros puntos como Ferrol, feito que encarece o servizo e dificulta as tarefas, especialmente na poboación de maior idade”. “Non ofrecer a ITV coa unidade móbil ata marzo ou abril de 2022 -avisa o texto- leva a que as persoas usuarias agarden a esa data co conseguinte risco de manterse uns meses sen a correspondente revisión”.

Por último, o Concello de Moeche denuncia que a solución adoptada SYC-ITV Applus+ para corrixir as demoras xeradas pola pandemia “causa un prexuízo ás persoas a quen lles debe dar servizo, sendo as que finalmente pagan totalmente as consecuencias da situación”. Por este motivo ínstase á empresa, á Xunta de Galicia -responsable de outorgarlle a concesión- e á Delegación do Goberno -de quen depende a DGT en Galicia- a que se busque “unha solución doutro tipo”, valorando a posibilidade de solicitar “unha ampliación extraordinaria da vixencia da actual revisión, de 14-15 meses no canto dos 12 actuais”.

Deste modo, remata o consistorio, recuperaríase o calendario e os prazos de inspección anteriores á pandemia “sen causar estes prexuízos ás persoas destinatarias deste servizo, que son moitas”.