O centro conta nestes momentos con oito usuarios e un total de 30 prazas públicas
A conselleira de Política Social, Fabiola García, destacou que o centro de día público de Miño satisfai unha débeda histórica coas veciñas e veciños da comarca. Así o manifestou durante unha visita a estas instalacións, postas en funcionamento no mes de decembro, e na que estivo acompañada do alcalde da localidade, Manuel Vázquez.
Fabiola García lembrou que este proxecto foi ideado polo Concello de Miño e a Xunta desde hai varios anos pero que por distintos motivos non se puido materializar ata agora. Neste sentido, apuntou que no ano 2019 ambas as dúas administracións asinaron un convenio de colaboración para a xestión deste centro de día que conta na actualidade con oito das súas 30 prazas públicas ocupadas.
Así mesmo, sinalou que os centros de servizos sociais teñen demostrado durante esta pandemia ser un dos piares fundamentais do sistema de benestar. Por este motivo, a conselleira defendeu que o Goberno galego seguirá facéndoos máis accesibles e de mellor calidade para que todas as galegas e galegos poidan decidir onde e como facerse maior.