Friday 22 de November de 2024

A Xunta “da voz” ás vítimas de violencia de xénero para aprender das súas experiencias e mellorar a atención que se lles presta


A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, reuniuse esta mañá no CRI cunha trintena de vítimas de violencia de xénero

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, reuniuse hoxe cunha trintena de vítimas de violencia de xénero, nunha xornada que pretender “darlles voz” para aprender das súas experiencias e mellorar a atención que lle prestan as distintas administracións.

O encontro foi no Centro de Recuperación Integral para mulleres que sofren violencia de Xénero, en Santiago, e contou coa participación de arredor de vinte mulleres e dez menores procedentes de diversas áreas de Galicia.

A iniciativa enmarcase nun dos grupos de traballo do Observatorio Galego da Violencia de Xénero, que se creou o pasado mes de maio como órgano encargado do estudo, avaliación e seguimento das políticas contra a violencia de xénero que se desenvolven en Galicia.

Este órgano divídese actualmente en tres grupos de traballo: “Elaboración dun Protocolo de Coordinación e Colaboración institucional para a Comunidade Autónoma de Galicia”, “A voz das vítimas” e “Abordaxe da violencia de xénero coa mocidade dende o ámbito educativo”.

Este segundo grupo pretende mellorar a atención ás vítimas, logo dun proceso de retroalimentación, no que as mulleres e menores van ser escoitados de xeito activo para recoller as súas experiencias reais, opinións e percepcións. Ademais, tamén servirá para detectar os fallos principais e recorrentes nas actuacións con mulleres que sufriron violencia, as carencias existentes e identificar posibilidades de mellora nos procedementos.

Á súa vez, e de xeito paralelo, desenvolveranse obradoiros sobre uso seguro das redes sociais cos e coas menores participantes. Xa pola tarde, as participantes e os seus fillos e fillas gozarán dunha sesión máis lúdica, na que se inclúe unha visita á Cidade da Cultura.

As conclusións que se obteñan logo de escoitar todas as testemuñas que se vaian recollendo ao longo do día, pasarán a un documento de análise que será elevado ao Grupo de traballo “A voz das vítimas” para elaboración de propostas concretas de mellora.