Friday 22 de November de 2024

A finais de mes volve “San Sadurniño en flor”


O Concello de San Sadurniño concederá 35 premios repartidos en catro categorías para as composicións florais máis vistosas que adornen o seu territorio

 

Tal e como están as cousas, e por moito que melloren nas próximas semanas, este ano tampouco imos ter a tradicional Feira da Plantación do último domingo de abril. Pero igual que fixera en 2020, o Concello vai organizar como alternativa o certame “San Sadurniño en flor”, co que se animará a toda a veciñanza a encher de cor xardíns, fiestras, balcóns, peches e mesmo escaparates de negocios. As áreas de Desenvolvemento local e Cultura volverán distribuír de balde pequenos lotes de planta -en colaboración cos viveiros locais- que se poderán combinar coas que cadaquén merque pola súa conta e incluso con outros elementos que contribúan a crear composicións rechamantes. “San Sadurniño en flor” desenvolverase entre o 25 de abril e o 13 de xuño reservando 35 premios para as decoracións máis vistosas das catro categorías que se convocan. Para solicitar os lotes de planta e anotarse no certame haberá que chamar ao 616 332 919 antes do 7 de maio ou enviar un correo electrónico a agustin.perez@sansadurnino.gal.

“San Sadurniño en flor” naceu o ano pasado como unha maneira distinta de celebrar a primavera tras varias semanas de confinamento, ademais de ser un dos principais argumentos para que o noso municipio entrase no selecto club internacional das Vilas en Flor xestionado en Galicia pola Fundación Juana de Vega.

A iniciativa segue a grandes trazos o esquema de 2020: hai que ter residencia en San Sadurniño -xa sexa permanente ou ocasional- e as composicións florais deben ser visibles desde a vía pública, dado que outro dos seus obxectivos é servir de atractivo turístico do que poidan beneficiarse a hostalaría e o pequeno comercio.

Porén, na presente edición introdúcense algunhas variacións nas bases -que se publicarán nos próximos días- para mellorar o funcionamento do certame e ampliar aínda máis as posibilidades de participación. Por iso, ademais de particulares, nel tamén poderán inscribirse as entidades sen ánimo de lucro e os negocios, pensando neste último caso en que se adobíen escaparates, terrazas e espazos de atención ao público. Outra novidade serán os “Xardíns Abertos”, que serán visitables durante un día que o Concello concretará máis adiante.

Tamén se incrementan as categorías e os premios. Haberá unha para composicións florais de exterior, dotada con 10 agasallos; outra referida á decoración de xanelas e balcóns, para a que se reservan outros 10 premios; unha específica para os establecementos comerciais e hostaleiros (5 premios); e, por último, unha cuarta categoría na que se concederán 10 premios para os xardíns máis vistosos como resultado de anos de coidados.

En todos os casos o Concello entregará un lote de 6 plantas variadas que deberán formar parte das decoracións, ás que se lles poderán engadir outros elementos decorativos ou máis planta que as persoas participantes xa teñan ou que poidan mercar pola súa conta. Canda aos lotes irá un cartel identificador do certame que se deberá poñer ben á vista.

As inscricións poderán facerse desde o 26 de abril até o 7 de maio chamando ao 616 332 919 ou mandando un correo a agustin.perez@sansadurnino.gal, indicando en calquera dos dous casos o nome e apelidos, o enderezo, un teléfono de contacto e a categoría na que se quere participar.

O Concello distribuirá a flor completamente de balde entre o 10 e o 20 de maio e despois dará de prazo até o día 30 de maio para preparar as composicións e, coma o ano pasado, enviar as fotografías -3 como máximo e 1 vídeo no caso da categoría de xardíns máis vistosos- en que se baseará a valoración por parte do xurado. En polo menos unha desas imaxes deberá poder comprobarse que a composición é visible desde a vía pública e tamén será necesario que se aprecie a colocación do cartel identificador. As fotos poden facerse chegar por whatsapp ou correo electrónico. Se algunha delas fose defectosa ou non se axustase ás bases daráselles ás participantes até o 2 de xuño para que manden outra foto.

Iso si, para evitar picarescas puntuais, se unha persoa solicita planta e despois non cumpre co resto das bases do certame -non envía foto ou non as coloca nun lugar visible-, non poderá participar durante polo menos as dúas seguintes edicións de “San Sadurniño en flor”.

A relación de composicións premiadas darase a coñecer o día 10 de xuño e os galardóns -lotes de produtos locais e vales canxeables na hostalaría- entregaranse o día 13 no Concello, sempre e cando a situación sanitaria o permita.

Neste proxecto o Concello de San Sadurniño conta coa colaboración de Vivergal, Flor Galicia, A Casa da Planta e Viveiros Gundín.

E despois… “Presume da túa horta”
Unha vez finalice “San Sadurniño en flor”, o Concello porá en marcha unha iniciativa semellante pero enfocada a premiar as mellores hortas e morteiros do territorio.

Titularase “Presume da túa horta” e, como o seu propio nome indica, pretende recoñecer o labor tradicional do cultivo para autoconsumo e, ao mesmo tempo lanzar promover os produtos de proximidade.