Friday 22 de November de 2024

A Comisión Asesora do Patrimonio Histórico dá o visto bo á novena fase do despregamento de fibra óptica


A Comisión Asesora do Patrimonio Histórico, presidida pola concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, emitiu informe favorable, entre outros asuntos, sobre a novena fase do proxecto de infraestutura de telecomunicacións para o despregamento de Rede FTTH Orange/Jazztel na cidade histórica de Santiago de Compostela. Fase 9, que conta cun orzamento de execución material de 38.905,10 euros.

Esta parte do proxecto contempla o despregamento da fibra óptica en dous ámbitos diferenciados: no barrio de San Pedro e na contorna da Praza do Obradoiro. En concreto, afectará ás seguintes rúas e tramos:

Quinteiro da Rúa do Franco, Rúa de Fonseca, Rúa da Raíña e Praza de Fonseca.
Praza do Obradoiro nº 3 (catedral de Santiago) e nº 4 (Pazo de San Xerome).
Quinteiro da Rúa de San Pedro, Campo do Forno, Calzada de Santo Antonio e Calzada de San Pedro
Rúa do Medio (núm. 22 a 42)
Rúa Carricova (núm. 1 a 5)
Rúa Travesa de San Pedro (núm. 4 a 6)
Rúa Travesa de San Pedro (núm. 4 a 6)
Rúa do Rosario (núm. 1 a 29)
Rúa de Bonaval (núm. 1 a 31)
Rúa da Costiña do Monte (núm. 1 a 20)
Quinteiro da Rúa de Belvís, Campo de Santo Antonio e Corredoira das Fraguas.
Rúa da Virxe da Cerca (núm. 1 a 30)
Rúa das Trompas (núm. 1 a 21)
Ruela da Tafona (núm. 1 a 8)

O proxecto da nova FASE 9 do despregamento da rede FTTH de ORANGE segue a empregar os mesmos criterios e solucións técnicas do proxecto de execución das fases anteriores, que xa foron favorablemente informadas polo Concello de Santiago de Compostela:

O obxectivo, segundo o proxecto presentado, é dar cobertura ao 100% os posibles usuarios existentes no ámbito, evitando así a necesidade de futuras ampliacións. Para iso a empresa incorpora un novo deseño da rede de distribución co que se acadan melloras como a reducción do número total de caixas, de cables e de fusións. A proposta foi informada favorablemente, con similares condicións que as anteriores fases, entre as que destacan:

As arquetas e canalizacións soterradas que requiran de excavación deberán ser obxecto do correspondente proxecto de intervención arqueolóxica. Estes traballos de excavación deberán ser realizados polo Consorcio de Santiago, e contarán co informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia.

Os cables de acometida deberán acceder ás unidades inmobiliarias a través do portal e os elementos comúns interiores dos inmobles.

As novas caixas ópticas terán un acabado en cor gris, para reducir o impacto visual.

O trazado dos pasos de rede soterrados deseñarase sempre seguindo a aliñación das lousas de granito.

As tapas das novas arquetas serán de lousa de granito, das mesmas características que o pavimento; e co grosor necesario para garantir o tráfico de vehículos pola súa superficie.

A obra civil correspondente á execución de pasos soterrados da nova rede de distribución de fibra óptica, deberá ser aproveitada para soterrar simultáneamente todos aqueles tendidos aéreos que poidan ser suprimidos. A propietadae das novas arquetas a executar na vía pública será do concello.

A nova rede debe ser compartida con empresas ou operadoradores de telefonía interesados en ofertar os seus servizos na cidade histórica, xa que por razóns de protección do patrimonio cultural resultaría imposible autorizar unha rede independente por fachada para cada un dos operadores.

Por outra banda, tamén se emitiu informe favorable sobre a solicitude presentada pola compañía Orange Espagne, S.A. para a modificación base de telefonía móbil situada na Rúa Nova, 33. A actuación conta cun orzamento de execución material de 6.319 euros e ten como obxectivo axustarse ás condicións estéticas recollidas no ditame da Comisión Asesora do Patrimonio Histórico incluídas no decreto de concesión de licenza, e dotar á actual instalación da nova tecnoloxía 5G.

Muro do Pombal
A Comisión Asesora do Patrimonio Histórico tamén informou en relación ás obras de seguridade de muros e terreo no noiro da rúa do Pombal. De acordo co criterio dos técnicos da Subcomisión Asesora do Patrimonio Histórico do plan especial PE-1, manifestado na súa reunión celebrada o pasado 22 de marzo, infórmase que a intervención proxectada, segundo o proxecto presentado pola propietaria do terreo situado na Rúa do Campo do Cruceiro do Gaio, 22, non resulta autorizable dende o punto de vista da protección do patrimonio cultural, xa que afecta a elementos exteriores situados dentro dun ámbito de especial protección patrimonial, e cunha importante presenza no espazo público e na imaxe urbana.

Ademais, segundo o citado informe, as solucións propostas empregan materiais ou solucións construtivas inadecuadas e incoherentes coa imaxe da cidade histórica, polo que se deberá notificar a necesidade de modificar a solución proxectada de acordo coas seguintes condicións:

1. No caso da reconstrución do muro da esquina da rúa Pombal co Campo do Cruceiro do Gaio, considérase que a intervención non presenta inconveniente algún dende o punto de vista da protección do patrimonio cultural xa que o peche actual de fábrica de pedra posúe o suficiente interese dende o punto de vista da imaxe urbana como para aconsellar a súa reconstrución empregando os materiais orixinais, tal e como se proxecta na solicitude.

2. No caso do muro que dá fronte ao Campo do Cruceiro do Gaio 22, cómpre sinalar que se trata dun elemento expresamente catalogado, polo que a súa reconstrución ou consolidación deberá facerse coa técnica e con materiais semellantes aos substituídos. Polo tanto, non será autorizable a execución dun muro interior de formigón armado revestido pola cara exterior con cachotería de pedra, xa que dita solución non se corresponde co elemento orixinal. Deberase polo tanto reconstruír o muro exclusivamente con fábrica de pedra das mesmas características e co grosor necesario para o seu correcto funcionamento como muro de contención de terras.

3. Polo que respecta ao muro de nova construción proxectado na fronte da parcela á Rúa do Pombal, considérase que a solución proposta a base dun baseamento de formigón armado e un peche de malla metálica de torsión non é autorizable por empregar materiais ou solucións construtivas inadecuadas e incoherentes coa imaxe da cidade histórica. Deberase presentar outra solución para o peche de parcela que sexa mais respectuosa coa condición urbana da parcela, evitando o emprego do formigón visto e a malla electrosoldada, por non ser coherentes coa protección patrimonial da contorna. O baseamento inferior de formigón armado á vista poderá ser substituído por elementos con acabado revocado e pitado, e o peche de malla metálica poderá substituírse por un peche de enreixado metálicos con elementos tipo tubo, perfís ou platinas, con deseño sinxelo e sobrio. Admitirase tamén a formación de peches vexetais con especies arbustivas como o loureiro ou as camelias.

Onde sí informou favorablemente a Comisión Asesora de Patrimonio Histórico, foi en relación coas obras menores consistentes na desmontaxe e reposición dun ramo de muro pertencente ao peche da parcela do Convento do Carme; que conta cun orzamento de execución material de 3.071,25 euros. Entre as condicións, que a reconstrución do muro se faga empregando os mesmos elementos de cachotería de pedra que forman o muro actual, con especial coidado de respectar as pezas de remate da cara superior do muro, que garanten a evacuación da auga de chuvia; o encintado da xuntas realizarase cun morteiro de cor semellante ao do resto do muro de peche da parcela, a fin de garantir a integración na imaxe urbana.

Novo modelo de cadeiras para terrazas
Por outra banda, a Comisión Asesora do Patrimonio Histórico non atopa incoveniente para a utilización do novo modelo de cadeira para as terrazas, presentada pola Asociación de Empresarios de Hostelería de Santiago de Compostela para o ámbito do Plan especial de protección da cidade histórica (PE-1). O modelo está realizado en polipropileno reforzado con fibra de vidro, e acabado en cor moka e antracita. Porén, advírtese que a substitución do mobiliario das terrazas da cidade histórica deberá realizarse axustándose a unha serie de condicións:

-Xunto co novo modelo de cadeiras, deberanse substituír igualmente as mesas das terrazas, para evitar o contraste entre os diferentes modelos ou materiais.

-O novo modelo de cadeiras non será utilizado nas terrazas da Rúa da Raíña; atendendo ás especiais características das terrazas de hostalaría nesa rúa, xa que a imaxe actual, con mobiliario de madeira na totalidade da rúa resulta totalmente axeitado á imaxe da cidade histórica

– Seguindo o mesmo criterio que o exposto no apartado anterior, considérase que a solicitude de autorización deste novo modelo de cadeiras deberá ser aproveitado para conseguir unha maior unificación e harmonía no mobiliario da terrazas nas distintas prazas ou rúas da cidade histórica, de xeito que todas as terrazas que estean situadas nun mesmo espazo público, utilicen un único tipo de mobiliario que poida diferenciarse segundo os establecementos mediante variacións da cor.

Outros asuntos
Por outra banda, a Comisión Asesora do Patrimonio Histórico deu o visto bó á realización dunha alfombra floral efémera na contorna da catedral de Santiago, concretamente na Praza da Inmaculada, con motivo da celebración do 25 de xullo. Tampouco atopa inconveniente para autorizar a Feira do libro (entre o 8 e 17 de maio) e a Feira do libro antigo e de ocasión (entre o 22 de maio e o 6 de xuño) no paseo central do parque da Alameda.

Ademais de Mercedes Rosón, a Comisión Asesora do Patrimonio Histórico está composta polo concelleiro de Presidencia, Sindo Guinarte, os edís do PP, José Antonio Constenla e Evaristo Ben; Jorge Duarte, por Compostela Aberta; e a voceira do BNG local, Goretti Sanmartín; así como os integrantes da Ponencia Ténica, formada por técnicos do Concello, da USC, do Consorcio, da delegación compostelá do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia e da dirección xeral de Patrimonio da Xunta.