Saturday 16 de November de 2024

Os concellos promotores do centro comarcal de apoio ao Desenvolvemento rural tentarán implicar á Xunta na súa dinamización


Moeche, San Sadurniño, Cerdido e Valdoviño reuniranse nos próximos días para avanzar no modelo de xestión das instalacións

As obras están rematadas, o equipamento instalado e só faltan por colocar os sinais que identifiquen desde fóra o novo Centro comarcal de apoio ao Desenvolvemento rural situado na antiga nave dos queixos de San Ramón. E para iso fai falla poñerlle un nome algo máis curto e que, de algún xeito, represente o espírito co que naceu esta iniciativa promovida por Moeche, San Sadurniño, Cerdido e Valdoviño con apoio do Leader, da Deputación e da Consellaría do Medio Rural. A proposta do Concello de Moeche -aceptada polo resto de municipios- é denominar as instalacións “A Fusquenlla”, o mesmo nome da irmandade capitaneada por Roi Xordo que se alzou contra a opresión feudal na revolución campesiña e fidalga de 1431. Alén da súa raizame histórica, a adopción desta denominación pretende reivindicar un modelo que se contrapón ao das grandes cadeas de distribución e os mercados globalizados apostando por produtos de proximidade e da máxima calidade que, ademais, sexan sustentables desde o punto de vista ambiental e social. O centro funcionará como recinto de transformación de excedentes agroalimentarios e como espazo formativo e de coworking integrado nunha rede de ámbito provincial. Os concellos reuniranse estes días para avanzar no seu modelo de xestión e coa idea de que se converta en referente comarcal na impartición de cursos sectoriais coa implicación activa da Oficina Agraria Comarcal, dependente da Consellaría do Medio Rural.

A alcaldesa, Beatriz Bascoy, avanzaba esta mañá a intención de convidar ao Director Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Xunta de Galicia, Silvestre José Balseiros Guinarte, para que programe unha visita oficial ao centro. O proxecto das instalacións sufragouse cunha achega de 12.000 euros da Consellaría do Medio Rural e desde o colectivo promotor quérese que a participación autonómica non se deteña aí, senón que “prosiga no futuro”, principalmente “na súa vertente formativa e de dinamización”.

Segundo Bascoy, Medio Rural, como organismo competente en agricultura e gandaría, “pode e debe ser un aliado de primeira orde para potenciar e asentar o proxecto, dándoo a coñecer e programando nel un calendario fixo de actividades que hoxe están diseminadas por distintos puntos da comarca”.

A rexedora sinala que esta é unha das liñas de traballo que se lle queren trasladar á Xunta de Galicia, tendo en conta ademais que no norte da provincia da Coruña e nos municipios máis próximos do norte de Lugo non existen centros de capacitación públicos relacionados co rural. “Do que se trataría é de que moitos dos cursos non regrados que ofrece a Oficina Agraria Comarcal en relación coa transformación e manipulación alimentaria poidan facerse aquí, en Moeche, nun lugar que ademais dispón de equipamento axeitado para levar a cabo sesións prácticas”, explica Beatriz Bascoy.

Nese camiño xa se deu un primeiro paso, posto que no mes de setembro comezará n’A Fusquenlla un monográfico sobre transformación e comercialización de horta, froita e mel que completou hai varias semanas as súas inscricións e que mesmo ten solicitudes en lista de agarda.

O curso -dirixido a persoas de alta no REAGA/REGA- impartirao a Oficina Agraria Comarcal de Ferrol, encadrado na programación formativa financiada polo Ministerio de Agricultura e os fondos europeos do FEADER. “Un dos obxectivos do centro é ese precisamente, dispor dunha oferta sostida no tempo de cursos e outras accións que axuden a fortalecer a produción e a comercialización de proximidade”, precisa Bascoy, quen considera “fundamental” lograr a implicación de Medio Rural “tanto na organización de cursos como na definición dun plan de dinamización que nos converta nun referente do desenvolvemento rural”.

Unha vez finalizadas e recepcionadas as obras -que supuxeron un investimento superior aos 240.000 euros-, os esforzos dos catro municipios promotores céntranse en acordar un modelo de funcionamento que, en todo caso, ha de combinar a parte formativa do espazo, a súa integración na rede de coworking da Deputación da Coruña e a referida á súa función como punto de acceso público para elaborar todo tipo de conservas -marmeladas, horta…-, envasar mel e producir zumes.

A idea é que se no centro se atopen medios e asesoramento profesional para procesar excedentes, de maneira que as produtoras e produtores poidan obter un maior valor engadido ofrecéndolle a quen merque os seus produtos a máxima calidade e, ademais, todas as garantías de seguridade e trazabilidade. Segundo avanza Beatriz Bascoy, nuns días os catro concellos porán en común como queren xestionar as instalacións e os servizos asociados a elas e, posteriormente, “darémoslle forma nun regulamento que o recolla todo, desde os horarios e prezos públicos ata a fórmula elixida para a súa levanza no día a día”.

Financiamento de varias administracións
O Centro Comarcal de Apoio ao Desenvolvemento local “A Fusquenlla” contou con financiamento europeo, provincial, autonómico e, nunha pequena parte, tamén municipal: o 65,6% dos custes das obras sufragáronse cunha achega de 88.794 euros da Deputación da Coruña, mentres que 34,4% restante -arredor de 46.500 euros- está subvencionado na súa maior parte polo LEADER tramitado a través da Asociación Seitura 22.

De feito, os fondos europeos sosteñen a maior parte do proxecto, posto que con eles tamén se cubriu o 100% dos manuais e da adaptación ao cumprimento da normativa sanitaria -5.400€- e ata o 90% da compra e instalación do equipamento, que se aproximou aos 82.000 euros. A Consellaría do Medio Rural comprometeu 12.000 euros para a redacción do proxecto técnico.