Saturday 16 de November de 2024

A Xuna ápoia Federación Galega de Redeiras Artesás do peirao cun protocolo de seguridade e saúde laboral fronte á Covid-19


A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, mantivo hoxe en Malpica unha xuntanza coa entidade e visitou as súas instalacións, onde coñeceu as artes que se traballan nesta localidade coruñesa
A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe o “papel determinante” das redeiras galegas na produtividade e sustentabilidade mariña, na visita que realizou en Malpica ás instalacións da Federación galega de redeiras artesás do Peirao coa que tamén mantivo unha xuntanza.

Na visita, na que a conselleira poido coñecer de cerca as artes que traballan en Malpica, destacou o apoio da Administración autonómica coa entidade a través de diferentes ferramentas como son o protocolo específico de seguridade e saúde no traballo para as redeiras, que elaborou o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) para facer fronte á covid-19; ou o convenio de colaboración que se mantén vixente coa entidade (asinouse o pasado ano por un importe de 20.000 euros) para apoiar ás mulleres galegas do mar no desenvolvemento de accións de prevención, sensibilización e detección da violencia de xénero.

“O noso compromiso non é outro que o de contribuír a unha maior concienciación neste ámbito, mediante unha actuación conxunta e coordinada coas entidades sociais que traballan máis preto das persoas”, engadiu Lorenzana.

A titular de Emprego e Igualdade puxo en valor o traballo da federación, un movemento asociativo que permite dignificar a profesión de redeira e visibilizar un oficio no que traballan en Galicia 500 mulleres aproximadamente. Na Federación galega de redeiras artesás do Peirao intégranse as asociacións Atalaia de Baixo Miño (A Guada), Cariño, Cedeira, Illa da Estrela de Corme, O Cerco de Cangas do Morrazo, O Fieital de Malpica de Bergantiños, Portosín e Virxe do Carme de Porto do Son. Entre os obxectivos que se marcan destacan regular a nivel nacional a profesión, colaborar entre as distintas asociacións, dar visibilidade ao seu traballo, garantir o relevo xeracional e a equiparación e dignificación a nivel salarial.

A conselleira sinalou que o labor de asociacións e federacións como a do Peirao permite poñer en valía “ás mulleres que son as tecedoras do mar na terra” e visibilizar o talento feminino que forma parte dunha “Galicia viva que constrúe o noso porvir”, concluíu.