O secretario xeral de Emigración e o director de Internacionalización do IGAPE asistiron á toma de posesión do novo presidente da Federación de Sociedades Galegas en Cuba, e mantiveron encontros con representantes da diáspora galega
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e mailo director de Internacionalización do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), Abel Veiga Copo, canda o embaixador español en Cuba, Juan Francisco Montalbán, asistiron á toma de posesión do presidente da Federación de Sociedades Galegas en Cuba, Sergio Toledo Bueno.
Con esta elevada representación institucional no acto, o Goberno galego testemuña o seu apoio á colectividade galega na illa, formada por preto de 38.000 persoas, na súa maioría descendentes de emigrantes galegos. Asemade, pon tamén de manifesto o seu decidido respaldo á iniciativa de unión que 38 comunidades galegas puxeron en marcha, e que foi formalmente ratificada durante a última viaxe a Cuba do Presidente Feijóo. Precisamente, trala toma de posesión de Toledo, Miranda e Veiga mantiveron unha xuntanza, neste caso cos presidentes dos centros e sociedades galegas con sede na capital cubana.
Antes dese acto coa colectividade residente na illa, o secretario xeral da Emigración mantivo outra reunión de traballo co embaixador de España e o conselleiro cultural da legación diplomática, na que intercambiaron información sobre as respectivas actividades, e avanzaron na planificación dun dos principais eventos que se celebran tódolos anos na Habana, a ‘Huella de España’, que neste 2015 se dedica a Galicia.
Curso de xestión
Rematada a xuntanza cos representantes da colectividade galega na illa, os dous altos cargos da Xunta desprazáronse ata a sede da Asociación Naturais de Ortigueira, onde tivo lugar o Curso de Xestión de Proxectos para Entidades Civís, que inauguraron oficialmente o embaixador de España en Cuba, Juan Francisco Montalbán, e o secretario xeral da Emigración, e que é froito da colaboración entre as administracións galega e española. Na alocución aos presentes, Miranda animounos “a afondar no camiño desa cada vez máis frutífera relación entre Galicia e Cuba”.
Esta acción formativa é unha das moitas iniciativas que se desenvolven mercé á estreita colaboración entre a Federación de Sociedades Galegas en Cuba e a súa homóloga de España, ademais da que levan a cabo as propias administración galega e española. O eficaz traballo de coordinación desenvólvese a través da sección de Emprego e Seguridade Social da legación diplomática, a cuxo fronte está Jesús Chacón.
A lección inaugural do devandito curso correu precisamente a cargo de Veiga Copo, quen falou sobre “Internacionalización das empresas españolas. O caso de Galicia”. Deseguido, o xefe de gabinete de Emigración, Ildefonso de la Campa, impartiu un módulo práctico aos asistentes.
Perfil da viaxe
Os mandatarios autonómicos poñen así punto e final a esta viaxe a Cuba, na que puxeron ao día o estado das relacións entre os gobernos galego e cubano, con entrevistas con varios responsables ministeriais cubanos, e avanzaron na planificación de contactos ao máis alto nivel a desenvolver ao longo do ano 2015, tendo presente o novo escenario internacional. Tamén coñeceron en detalle os proxectos do Goberno da illa para dar impulso económico e sostible a través da atracción de investimento exterior, e as posibilidades que tales proxectos ofrecen para a dinamización das empresas galegas implantadas no país.
Igualmente, teñen realizado unha posta ao día das condicións para o investimento no ámbito xeral en Cuba, e do acceso ou nova entrada dos empresarios galegos, tendo en conta a nova Lei de Investimento Estranxeiro aprobado polas autoridades da illa o pasado ano 2014. Analizáronse as posibilidades en ámbitos sectoriais concretos, nos que podería existir posibilidade de chegada de investimento de empresarios galegos, tales como o sector agroalimentario ou o da construción.
A Xunta desexa explorar novas canles de colaboración entre ambos países, na procura de novos folgos para a internacionalización da economía galega. Galicia, que foi pioneira na normalización de relacións con Cuba nun proceso histórico que ten continuidade e impulso polo compromiso persoal do Presidente Feijóo e o seu Goberno, posúe xa unha relevante presenza empresarial na illa.
A Canadá
Durante esta fin de semana, Rodríguez Miranda –e xa en solitario- visita por vez primeira as colectividades galegas de Canadá (Club Hispano de Toronto e Centro Galego de Montreal), e participa na gran celebración anual de Galicia na primeira das cidades, que aglutina a un importante número de galegos, españois, e veciños nados no país de acollida.