Cada curso será tutelado por unha das tres escolas de ensino náutico-pesqueiro dependentes da Consellería e o período de inscrición vai desde o próximo luns ata o 16 de abril
Ofértanse 60 prazas por centro, a formación será entre o 18 de maio e o 25 de xuño e a súa duración é de 50 horas
A Consellería do Mar vén de convocar tres novos cursos de mariñeiro/a pescador/a na modalidade online que terán lugar entre o 18 de maio e o 25 de xuño deste ano cunha duración de 50 horas. Cada unha destas accións formativas estará titorizada por unha das tres escolas de ensino náutico-pesqueiro da Consellería, a Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol, a Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira e o Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo.
O período de inscrición para estes cursos, que contan con 60 prazas cada un, está aberto desde o próximo luns 29 de marzo ás 08.00 horas ata o vindeiro 16 de abril ás 15:00 horas. A relación de admitidos será establecida en función da hora e do día de prematrícula dos candidatos. Toda a información sobre esta oferta formativa pode consultarse no apartado de teleformación da web da Consellería do Mar.
Os 60 admitidos en cada curso deberán matricularse no centro de ensino correspondente nun prazo de 10 días naturais a partir do día seguinte á publicación da listaxe provisional de admitidos no portal web de formación da Consellería do Mar. Pode consultarse a documentación precisa para facelo no Anexo II da orde pola que se establecen as bases e se regula o procedemento para a obtención das titulacións de mariñeiro/a pescador/a, patrón/patroa local de pesca e patrón/patroa costeiro/a polivalente na comunidade.
Unha vez que remate o curso de teleformación realizarase un exame presencial en cada un dos centros dependentes da Consellería do Mar. Así mesmo, será necesario superar unha proba de natación o mesmo día do exame para poder presentarse á proba final.