O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, acompañado do delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou esta mañá a sede da Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas (Fegerec), onde resaltou que a Xunta aposta polo asesoramento e a investigación para tratar e combater estas patoloxías e axudar ás familias.
Fernando González Abeijón agradeceu a esta entidade o traballo que realizan día a día para dar acougo e información ás familias que se atopan no seu camiño cunha destas enfermidades. Sinalou que nesta misión atoparán sempre ao seu carón ao Goberno galego por tratarse dun labor imprescindible e que, en ocasións, non conta coa visibilidade que require.