Friday 22 de November de 2024

O GES de Brión asiste ás persoas feridas nun accidente na rotonda dos Ánxeles (Brión)


O Grupo de Emerxencias Supramunicipal de Brión acudiu na noite de onte sábado a unha chamada de alerta do 112 por un accidente de tráfico en Brión, concretamente na rotonda de Os Ánxeles entre a AC-543 Santiago-Noia e a rúa da Senra. Un sinistro que se saldou con varias persoas feridas leves, que foron auxiliadas polos propios técnicos do GES de Brión ata a chegada da ambulancia. Tamén colaboraron efectivos da Garda Civil de Tráfico e Mantemento de Estradas.

O accidente tivo lugar sobre as 21:50 horas do sábado, a pouco menos de un quilómetro da base do GES de Brión, que desprazou ao lugar do sinistro a Bomba Urbana Lixeira e o Vehículo de Intervención Rápida. Ao seren os primeiros en chegar, xunto coa Ambulancia, procederon a auxiliar aos feridos e despois a asegurar os vehículos e retirar os restos sobre a estrada, para proceder finalmente á limpeza da calzada para a reanudación normal do tráfico na zona.

Non é a primeira vez que se produce unha saída de vía neste mesmo punto. De feito, o Concello de Brión e a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade traballan nun proxecto de acondicionamento da AC-543 que, entre outras cousas, recolle a necesidade de corrixir o peralte desta rotonda da intersección da avenida da Maía coa rúa da Senra, executada hai uns anos pola propia Consellería.

Unha rotonda na que se teñen producido xa varias saídas de vía nos últimos anos, especialmente en tempo de choiva e a pesares de que a velocidade está limitada a 50 km/h. Por esa razón, o Concello presentoulle á Xunta unha proposta de mellora en xaneiro de 2020, que foi ben acollida pola conselleira do ramo.