O Fórum Metropolitano acollerá montaxes dun colectivo de amador de teatro oral, de narradoras/es de referencia como Cándido Pazó ou Avelino González, de novas voces e da memoria viva da nosa xente
O Fórum Metropolitano retomará do 20 ao 24 de abril o festival de narración oral “Falando a boca chea” que, da man de Artestudio Xestión Cultural, ofrecerá diversos espectáculos protagonizados por un colectivo de amador de teatro oral e narradoras/es orais de referencia até por novas voces e a memoria das nosas persoas maiores.
A alcaldesa, Inés Rey, explicou que a cita pretende achegar esta arte da palabra oral á xente de todas as idades para abordar cuestións que teñen que ver co individuo como parte da sociedade. Pero tamén se ocupará de responder as grandes interrogantes da existencia e conectará de paso cos soños e a poesía.
Será, pois, “un punto de encontro en que as e os espectadores abrirán novas vías de comunicación a través de historias mexidas pola tradición e outras máis innovadoras”.
A edición comezará o día 20, ás 20.30 horas, coa presentación do proxecto Memoria, que inclúe narración oral, docencia, formación teatral e intercambio de experiencias. Será unha posta en común da oratoria, de conversas e aprendizaxes, en que a palabra e a memoria serán as protagonistas.
Como novidade, este ano o festival chegará a Oleiros, Arteixo, Sada e outros espazos con Memoria, expansión do Festival Falando a Boca Chea, unha iniciativa en que se recollerán historias das veciñas e veciños (a partir de 65 anos) a través de sesións de reflexión e intercambio entre os colectivos das nosas persoas maiores con narradoras/es profesionais como Soledad Felloza, Charo Pita, Caxoto e Ramiro
Neira. Estes encargaranse de converter todas estas realidades nunha pequena peza de narración oral que compartirán co público de cada municipio e no primeiro día do festival.
O vestíbulo do Fórum acollerá os espectáculos baseados en contos de lareira de Vero Rilo, Ana Carreira, Lorena Pinheiro e o Colectivo amador de narración oral “Cédoche a palabra” e nos que a entrada será gratuíta até completar a capacidade.
Neste espazo tamén se incluirán sesións de balde para as crianzas de 2 a 4 anos, con contos e arrolos a cargo de Ramiro Neira e Olga Abad. Xa no auditorio, terán lugar as montaxes para público adulto, a cargo de Cándido Pazó, Avelino González, Ángeles Goás e Xurxo Souto.
Tanto para mercar entradas, que oscilan entre os cinco e os sete euros e inclúen os descontos habituais, como para reservar unha invitación, as persoas interesadas deberán formalizalo en www.corunacultura.sacatuentrada.es. Os horarios e escenarios dos espectáculos poderán consultarse a través da ligazón https://www.coruna.gal/cultura/gl/axenda/historico/detalle-asset/falando-a-bocachea-2021/suceso/1453755243726.
A cita estará presente tamén no ámbito escolar, xa que os días 22 e 23 de abril haberá dous pases diarios de narración exclusivas para o alumnado de Educación Primaria: “Contos de tesouros”, de Ana Carreira, e “Contos no mar” de Olga Abad.